A UDC crea a Rede de centros e unidades de I+D+i para potenciar a investigación e a competitividade

xoves, 2 de febreiro do 2023 Redacción

Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia; Julio Abalde, reitor, e Fausto Infante, director estratéxico da Rede de centros e unidades de I+D+i da UDC

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron esta mañá a Rede de centros e unidades de I+D+i da UDC, recentemente constituída co obxectivo de reforzar as estruturas dos centros de investigación existentes de forma que se potencie a investigación e a competitividade dos mesmos.
Este Rede, dependente da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia, ponse como obxectivos o impulso da captación e retención de talento investigador, a mellora das capacidades investigadoras dos centros de investigación, especialmente en contextos internacionais, e a exploración de novas fontes de financiamento públicas e privadas. Ao fronte da Rede estará como director estratéxico, Fausto Infante Roura, que era xefe do Servizo de Investigación da sección de I+D da Consellería de Educación.
O reitor explicou que a finalidade desta rede é “crear un ecosistema que favoreza o traballo dos nosos investigadores e alivie as cargas administrativas e burocráticas da xestión da investigación alleas á UDC, necesarias polos requirimentos das entidades financiadoras”.
Abalde sinalou tamén que a UDC foi a primeira universidade galega en adaptar os seus centros de investigación á nova normativa autonómica e agora é tamén pioneira en crear este tipo de rede, consecuencia “lóxica” do desenvolvemento dos centros e unidades de investigación existentes na UDC. “Trátase de establecer unha estrutura de coordinación e sumar esforzos”, resumiu.
Para o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, esta Rede fomentará e potenciará a actividade que se desenvolve nos centros de investigación da UDC nun contexto en que “cada vez é máis necesaria a interacción entre si e con outros centros doutras universidades”.
Nesta liña apuntou o novo director da Rede, “a investigación actual cada día é máis esixente” dándose o paradoxo de que por un lado se pide que o coñecemento sexa cada vez máis especializado e, polo outro, que sexa transversal. “A Rede aporta ese plus que busca a UDC, que sexa máis especializado e transversal”, manifestou aclarando que “non é un conglomerado de centros senón que é un sistema de gobernanza propio para impulsar accións concretas”.
A Universidade da Coruña conta co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC); Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC); Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA); e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI); así como co Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga; Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin; Instituto Universitario de Estudos Marítimos; Instituto Universitario de Medio Ambiente e o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, ademais os campus de especialización Innova, Sustentabilidade e Industrial.

PUBLICIDADE