A Tecnópole axudalle aos emprendedores no arranque dos seus negocios

mércores, 26 de decembro do 2007 Raquel Noya

A Tecnópole busca cinco emprendedores que teñan unha idea de negocio de base tecnolóxica para iniciar a súa aventura empresarial no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas.
Os cinco afortunados, ademais de estar exentos de pagar polo emprego dos servizos xerais (como o aluguer do espazo) durante os seis primeiros meses, terán todo o asesoramento necesario para enfocar a súa actividade con perspectivas de éxito e os tres mellores contarán con patrocinadores para o seu financiamento e para acceder de balde a equipamento informático e plataformas de comercio electrónico.
O programa está aberto á participación de calquera persoa física cunha idea de negocio de base tecnolóxica así como a calquera empresa de novas tecnoloxías xa constituída (sempre e cando non transcorresen máis de seis meses dende a súa fundación).
A inscrición poderase realizar ata o vindeiro 31 de xaneiro a través dun sinxelo formulario que se cobre na propia web, www.tecnopole.es, co fin de optar ao proceso de selección dos mellores proxectos para seren os pioneiros neste programa.
A iniciativa ‘Tecnópole-emprende’ comezará a funcionar cunha fase piloto inicial na que se valorarán as ideas de negocio procedentes de emprendedores de toda Galicia coa única condición de que estean dispostos a instalar a súa actividade no recinto de San Cibrao das Viñas.
Dende o momento no que as empresas inicien a súa actividade na Tecnópole, ademais de estar exentas de pagar o aluguer durante seis meses, contarán o primeiro ano co soporte que necesiten en materia de asesoramento para a xestión. Mentres tanto, serán obxecto de seguimento para comprobar que o Plan de Negocio se está executando segundo o previsto para asegurar o éxito das iniciativas.

PUBLICIDADE