A RAGC conmemora o Día da Ciencia en Galicia cunha mostra nos centros educativos

venres, 22 de abril do 2022 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra cada ano o Día da Ciencia en Galicia e no marcado esta efeméride impulsou unha exposición itinerante con todos os científicos e científicas galegos homenaxeados desde o ano 2008 ata o 2021. A mostra está a exhibirse en diferentes centros educativos da comunidade. Logo de pasar polo IES Pintor Colmeiro de Silleda, agora atópase no IES As Barxas de Moaña, onde ficará até o 29 de abril. O seguinte centro onde recale será o IES Monte da Vila do Grove, a partir do 3 de maio.
Grandes contribucións da nosa terra
Cada ano, desde 2008, A Real Academia Galega de Ciencias vén elixindo un científico ou científica do pasado, con motivo da celebración do Día da Ciencia en Galicia. Trátase de galegos, naturais ou adoptivos, que traballaron arreo por Galicia no eido da ciencia e as súas aplicacións, case sempre desde un gran descoñecemento do seu labor por parte da sociedade.
Co apoio do Consello da Cultura Galega
A RAGC organizou esta exposición co patrocinio do Consello da Cultura Galega. “O obxectivo é dar a coñecer a obra destes científicos e científicas, poñela en valor, agradecela e empregala como exemplo ante a sociedade”, sinalan desde a Academia. Na mostra, por cada un destes persoeiros preséntase un breve resumo biográfico, xunto a unha explicación da súa contribución á ciencia en Galicia.
Os científicos e científicas incluídos na mostra son o matemático e humanista Enrique Vidal Abascal, o xeoquímico Isidro Parga Pondal, o xenetista Cruz Gallástegui Unamuno, o matemático e astrónomo Ramón María Aller, o químico, farmacéutico e médico Antonio Casares Rodríguez, o ilustrador e precursor da ciencia Benito Jerónimo Feijóo Montenegro, o médico naturista Luís Iglesias Iglesias, a oceanógrafa Ángeles Alvariño González, o químico orgánico Ignacio Ribas Marqués, o botánico e meteorólogo Baltasar Merino Román, o matemático e xeógrafo Domingo Fontán Rodríguez, o químico Tomás Batuecas Marugán, o enxeñeiro ao servizo da sociedade Andrés A. Comerma i Batalla, e a xenetista Jimena Fernández de la Vega.


PUBLICIDADE