A RAG publica na Rede unha recompilación de textos históricos sobre o noso idioma

mércores, 21 de febreiro do 2024 S. P.

Dende a Real Academia Galega (RAG) veñen de incorporar á súa libraría dixital unha escolma de máis dun cento de textos relevantes sobre o galego baixo o título: Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936). Os ditos textos están producidos entre o ano da fundación das Irmandades da Fala e a aprobación do Estatuto de Autonomía, un momento -tamén protagonizado pola xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos- que marcou un punto de inflexión no discurso de dignificación do idioma propio de Galicia. Estes escritos foron publicados en libros, opúsculos e distintos medios, desde diarios como El Pueblo Gallego, ata revistas de Galicia (A nosa terra, Nós) ou da emigración (Céltiga).
Dicir que a edición é do académico Henrique Monteagudo, coa colaboración de M.ª Dolores Sánchez Vales e Nélida Cosme. Consta de dous volumes, dispoñíbeis xa en descarga gratuíta na sección de publicacións da web da RAG.
O primeiro tomo xunta textos referentes ao status social, cultural e político do galego e o segundo reúne outros referidos ao seu cultivo e elaboración, facendo fincapé no desenvolvemento e a fixación do galego escrito. Antón e Ramón Villar Ponte, Vicente Risco, Victoriano Taibo, Johán Vicente Viqueira, Francisco Fernández del Riego, Fermín Bouza-Brey, Manuel Lugrís Freire, Leandro Carré, Ricardo Carballo Calero, Jesús Bal y Gay ou Rafael Dieste son algúns autores que asinan os traballos seleccionados.
“A fala é forza viva. Falar galego é crear un núcleo de luz, un faro para nós e para os demais”, escribía en 1917 Xaime Quintanilla. “Non digamos que está chea de dozura, que é meiga e leda, que nela cantan os anxos. Digamos que a fala é unha forte, latexante necesidá”, sentenciaba o médico e escritor.
Engadir que a base desta nova compilación da RAG atópase no traballo de documentación previo á tese de doutoramento do coordinador do Seminario de Sociolingüística, Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a tradición galeguista (1995). Castelao tamén está presente nestes novos volumes da colección Anexos do Boletín da RAG porque o seu Sempre en Galiza (1944) é un texto definitivo para a lingua galega. “Que diriamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior (....). Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte”, deixou escrito o rianxeiro no Sempre en Galiza, publicado no exilio en Bos Aires.
O segundo volume, A demanda da norma, permite seguir as principais controversias arredor da orientación do galego culto. Como sinala Henrique Monteagudo, “aínda que se discutiron aspectos fónicos, morfosintácticos (sobre todo os morfolóxicos) e léxicos, o foco principal estivo sobre a ortografía. As grandes polémicas lingüísticas desenvolvéronse sobre o pano de fondo dunha
gran penuria de estudos sobre a lingua e un enorme atraso no desenvolvemento dunha filoloxía galega, completamente desatendida pola Universidade. A contribución máis substancial é a de Antonio Couceiro Freijomil (1929), que sentou as bases para as Normas do Seminario de Estudos Galegos, as primeiras da nosa lingua. Neste segundo volume aparecen os 46 artigos da Tribúa da Fala d’El Pueblo Gallego, diario que publicou como coleccionábel un Vocabulario popular galego-castelán elaborado no seo do Seminario de Estudos Galegos, un resumo da diversidade de posicións arredor da norma lingüística do galego, desde o popularismo ao reintegracionismo.
Para rematar, dicir que estes dous volumes que que vén de incluír a RAG na súa web dan boa conta idea da contribución do galeguismo de entreguerras á modernización do galego e permiten constatar que os problemas do idioma, mesmo os prexuízos que tanto o danan, foran xa denunciados cen anos atrás, amais de esclarecer a súa situación actual.

PUBLICIDADE