A Ourense ICC Week celebrarase tamén en Ribadavia, A Rúa e Nogueira de Ramuín

luns, 19 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A edición 2020 da Ourense ICC Week, a semana da creatividade innovadora de Ourense, vaise desenvolver do 1 ao 5 de abril. Así o deron a coñecer o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o asesor de Cultura da entidade provincial, Aurelio Gómez, e os coordinadores da semana (Juan Rivas e Manuel Araújo), que tamén deron conta doutra gran novidade deste ano: a celebración das actividades en Ribadavia, A Rúa e Nogueira de Ramuín, amais de na propia cidade das Burgas. O obxectivo é converter estes concellos en puntos referenciais de encontro entre emprendedores, expertos e creativos.
Asemade, aproveitaron para facer balance do acadado na anterior edición, “todo un éxito de público e emprendementos”. Segundo fixeron saber, a ICC Week de 2019 ofreceu aos participantes máis de 70 horas de programación nunha decena de eidos de vangarda creativa, aglutinando nun mesmo evento moda, actualidade, publicidade, tendencias tecnolóxicas, videoxogos e espectáculos musicais, “que converteron a Ourense no epicentro cultural de Galicia”, explicaron, engadindo que a programación ocupou máis de 70 horas de axenda en até oito espazos diferentes da capital de provincia.
En total foron 23 citas na programación con 13 mesas de traballo con 25 relatores, 7 concertos de diferentes estilos e outras opcións de ocio para os nenos, así como competicións de videoxogos e espectáculos de humor.
Amais, explicaron, a semana citou en Ourense a referentes de diversos sectores creativos e culturais como Ágatha Ruiz de la Prada, Purificación García, Adriana Domínguez, Iker Jiménez ou Kiko Veneno.
Tamén fixeron saber que foi lanzado ás redes un vídeo-resumo da convocatoria anterior, un audiovisual destinado a demostrar que Ourense é “unha provincia creativa e o escenario idóneo para que flúan as últimas tendencias en escenarios cun inmenso valor patrimonial e peso histórico”, dixo Manuel Baltar.

PUBLICIDADE