A Obra Social Caixa Galicia crea unha páxina web para fomentar o voluntariado

martes, 27 de xullo do 2010 Redacción

Solidarízate é unha nova páxina web creada pola Obra Social Caixa Galicia para informar e animar a participar activamente na construción dunha sociedade máis xusta. O obxectivo é canalizar as demandas activas de voluntariado, axudar ás numerosas persoas que queren colaborar con asociacións e ONG e que non saben onde dirixirse, onde poden ser máis útiles ou que posibilidades de colaboración se adaptan máis aos seus intereses ou á súa dispoñibilidade horaria.
A web é un paso máis na estratexia de fomento de voluntariado de Obra Social Caixa Galicia que organizou entre abril e xullo do pasado ano, a segunda edición da exposición Solidarízate para sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade que ten a sociedade de persoas voluntarias e facer visible o labor do voluntariado e as organizacións sociais. As entidades puideron captar máis de 700 novos voluntarios e deron a coñecer o seu traballo aos numerosos visitantes da exposición que ocupou céntricos espazos da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo.
O núcleo central de Solidarízate é o voluntariado. As persoas interesadas en facer voluntariado poden encontrar na páxina máis de 170 actividades nas que se necesita colaboración. Para facilitar a busca preséntanse organizadas por provincias e por temas: integración social, cooperación ao desenvolvemento e medio, avogados para asesorar persoas sen recursos en Cáritas, profesor de canto para montar un coro en Equus Zebra, condutores de furgonetas en Aspronaga para trasladar rapaces con minusvalía a actividades, colaborar na acollida e acompañamento de peregrinos no albergue centro de Don Bosco en Santiago, na tenda de comercio xusto de Solidariedade Internacional, ou acompañar a persoas con minusvalía no seu tempo de ocio en Artefíos, entre outros son necesidades actuais das diferentes ONG.
Con Solidarízate, Obra Social Caixa Galicia quere facer chegar as propostas solidarias das ONG coas que colabora ao público xeral non profesional. 8.500 persoas reciben xa no seu correo electrónico os boletíns quincenais para coñecer diferentes propostas solidarias nas que é posible colaborar. Neste proxecto tampouco faltan vídeos nos que amosan actividades realizadas por voluntarios de calquera idade, intereses varios e diferentes niveis de implicación, información sobre viaxes organizadas por distintas ONG para colaborar cos seus proxectos, acceso ao outlet solidario Socialbid, un concurso de fotografía e información sobre moitas campañas solidarias.

PUBLICIDADE