A Nintendo Wii dominou as vendas de videoxogos en abril

martes, 27 de maio do 2008 Marcus Fernández

A Asociación Española de Distribuidores e Editores de Software de Lecer (aDeSe) publicou a súa listaxe mensual de vendas de videoxogos en España relativa ao mes de abril, amosando que a Nintendo Wii segue a arrasar, ocupando a metade dos postos do Top 10 xeral.
Os 3 xogos máis vendidos de abril serían Mario Kart, Wii Fit e Wii Play, seguido de GT5 Prologue para PS3 e Pro Evolution Soccer 2008 para PSP. A PSP tamén colocou no 6º posto o que moitos consideran que é o mellor título para a portátil de Sony ata a data, God of War: Chains of Olympus.
O PES 2008 tamén aparece na 7ª posición coa súa versión para Wii, seguido do Super Mario Galaxy para a mesma plataforma. Nos postos 9 e 10 figuran os resistentes Más Brain Training (Nintendo DS) e Assassin’s Creed (PS3).
Estes resultados veñen a confirmar que a nova xeración de consolas toma posicións no mercado, e xa supera a clásicas como a PS2 no tocante á venda de xogos. Tamén hai que destacar que as consolas portátiles conservan a súa forza, aínda que sorprende que a PSP finalmente sexa capaz de superar no Top 10 á Nintendo DS.

PUBLICIDADE