A Marvel prepara con Oculus un xogo de realidade virtual
luns, 17 de xullo do 2017
A pasada fin de semana no marco da D23 Expo anunciouse un
novo xogo cooperativo multixogador de realidade virtual desenvolvido grazas á
colaboración da Marvel, Sanzaru e Oculus Studios, MARVEL Powers
United VR, que permitirá a 4 xogadores simultáneos introducirse
virtualmente no Universo Marvel encarnado
a ducias de personaxes de banda deseñada dos que están confirmados a
Capitana Marvel, Mapache Cohete e
Hulk.
Deste xeito, os usuarios que vistan un casco de realidade virtual Oculus Rift
cos seus controis por movemento (Oculus Touch) poderán desencadear a furia de
Hulk dando puñazos ou aplaudindo para provocar grandes danos aos viláns aos que
haberá que enfrontarse, mentres que Mapache
Cohete empregará as súas armas de fogo e a Capitana Marvel tirará proveito
dos seus disparos de fotóns, da súa superforza e incluso do seu poder de voo,
conseguindo un nivel de inmersión que os seareiros destes personaxes levaban
anos esperando e que poderán comezar a gozar en 2018.