A Fundación Mozilla recoñece a oficialidade da versión en galego do Firefox

mércores, 17 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Nas últimas horas o navegador web da Fundación Mozilla chegou á súa versión 3.0.5, corrixindo certos fallos de seguridade, mellorando a súa estabilidade, corrixindo certos problemas de accesibilidade, engadido a posibilidade de enviar informes de erro específicos de cada sistema operativo e, espacialmente, incorporando coma linguas oficiais da aplicación ao bengalí, o esperanto, o letón, o hindi e o galego.
Deste xeito o Firefox 3.0.5 sería a primeira versión do navegador aberto que se distribuiría en galego oficialmente tras un período de probas de dous meses e medio que comezou coa versión 3.0.3 da aplicación.
Para que este proceso de galeguización do Firefox tivese éxito foi precisa a intervención da Consellaría de Innovación e Industria, que facilitou a interlocución coa Fundación Mozilla, que agora colabora con Mancomún para que sexa unha realidade o navegador web libre nativamente en galego (sen precisar de extensións engadidas para a tradución, coma se fixera en anteriores versións). Pola súa banda a web do Firefox conta con apartados dedicados á seguridade, a personalización ou da compoñente orgánica desta aplicación informática totalmente traducidos ao galego.
Dende Mancomún tamén están a traballar na tradución do resto de aplicacións de Mozilla, coma son Thunderbird, Sunbird, Seamonkey e Camino.