A Deputación de Pontevedra destina 125.000 euros á capacitación TIC de persoas maiores da Illa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña

venres, 2 de febreiro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra adxudicou por 125.000 euros o contrato para capacitar en competencias dixitais ás persoas maiores de 50 anos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Estes recursos enmárcanse no Hub contra a fenda dixital e soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra que ten, ata o 15 de febreiro, aberto o prazo para beneficiarse do seu programa formativo.
Tal e como explicou o presidente da Deputación Luis López en rolda de prensa, estes 125.000 que acaba de adxudicar a institución provincial distribúense en 35.000 euros para formar a 25 persoas influentes, 5 por concello, en novas tecnoloxías e impartir 7 accións formativas en cada municipio sobre administración electrónica, Sergas online, banca móbil, redes sociais ou creación de vídeos. Ademais, os outros 90.000 euros irán destinados á prestación dun servizo de xeración de contidos didácticos audiovisuais.
O Hub, lembrou, inclúe unha formación destinada a maiores de 50 anos para alfabetizalos dixitalmente e capacitalos en competencias dixitais co fin de facilitar as súas relacións coas administracións públicas. Ata o 15 de febreiro as persoas dos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña maiores de 50 anos poderán solicitar praza para beneficiarse do programa formativo. Tamén está aberto ata a mesma data o prazo para participar como influentes sendo, neste caso, necesario que sexan persoas maiores de idade, empadroadas no concello, destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas dixitais.

PUBLICIDADE