A Cidade das TIC será distinguida polo CPEIG na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
luns, 14 de setembro do 2020
O
proxecto da Cidade das TIC, a gran iniciativa institucional e
empresarial para converter a Fábrica de Armas da Coruña nun gran
complexo de innovación arredor do coñecemento tecnolóxico (un
centro referencial que sitúe a Galicia na zona máis activa do mundo
dixital), vai recibir un importante pulo da man do
Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que
anunciou este luns que incluirá o proxecto nos galardóns da súa 12
Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Concretamente
entregaralle o Premio Grandes Proxectos TIC.
A
distinción recaerá no máis que completo equipo de entidades,
institucións e organizacións empresariais que impulsan a devandita
transformación da Fábrica de Armas: a Universidade da Coruña (UDC)
e o Clúster TIC de Galicia, coa colaboración do Goberno central, a
Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña.
Os
premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e
colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito
da enxeñaría en informática. A gala celebrarase o 30 de outubro no
Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.
Segundo
explica a xunta de goberno do CPEIG, esta distinción premia
concretamente a iniciativa, pero asegura que “é satisfactorio ver
como distintas administracións, de distintos ámbitos, póñense de
acordo nun proxecto de país, que demostra a importancia que cobran
as TIC nos nosos días”.
O
presidente do colexio profesional, Fernando Suárez, lembra que xa no
seu discurso institucional da Noite de 2019 facía referencia a que
“esta unión é a única forma de avanzar, colaborando para ser
máis fortes, aproveitando sinerxías e compartindo información e
recursos”. Nesta liña, Fernando Suárez asegura que as e os
profesionais da Enxeñaría en Informática comparten a profesión
“máis social que existe”, porque están obrigadas e obrigados a
entenderse con expertos de todos os ámbitos. “Fuximos das
actitudes excluíntes doutros colectivos e apostamos pola unión, da
que a Noite é referencia e que se ve levada ao seu máximo expoñente
neste premio”, salienta, engadindo que “na ecuación da Sociedade
da Información, a tecnoloxía é tan só un compoñente, o outro, e
sen dúbida o máis importante, son as persoas”, e recalca que “o
futuro non é un asunto unicamente tecnolóxico, tamén é cuestión
de actitude e de talento, de curiosidade, de vocación por probalo
todo, de inquietude e de ganas de mellorar”.
Segundo
fai saber a respecto do proxecto premiado e dos porqués da devandita
distinción, “a filosofía da Cidade das TIC céntrase na economía
do coñecemento, onde os recursos máis importantes son as persoas e
o talento, que podemos educar e atraer ao noso país para medrar
máis, crear mellores postos de traballo e unha mellor calidade de
vida para todos”.
Obxectivos
da conversión da Fábrica de Armas
Segundo
lembra o CPEIG, a Cidade das TIC será un espazo de encontro entre
empresas e Universidade, de instalación de startups tecnolóxicas
e un punto de apoio para o investimento tecnolóxico en Galicia.
“Trátase dun proxecto ambicioso, sustentado pola puxanza do sector
TIC galego e o seu alto crecemento nos últimos anos, que busca
converterse nun dos centros neurálxicos da innovación e o negocio
tecnolóxico en Galicia, a través dun modelo que permita a todos os
axentes implicados compartir experiencias e coñecemento empresarial
das compañías socias e os seus partners, sempre co apoio do
ecosistema de investigación da UDC e do sistema universitario galego
en xeral, constituíndo un escaparate único para a tecnoloxía made
in Galicia”.
O
pasado 18 de febreiro asinouse a cesión da Fábrica de Armas,
situada no barrio coruñés de Pedralonga, entre o Ministerio de
Defensa e a UDC. Este convenio permitirá reconverter a Fábrica de
Armas nun polo tecnolóxico único en Galicia. E o pasado xoves, 25
de xuño, aprobouse no Consello da Xunta, unha achega de 4,82 millóns
de euros ao ao proxecto do primeiro dos edificios da Cidade das TIC,
o Centro de Fabricación Avanzada, que entrará en funcionamento nun
prazo de dous anos logo de que o Concello da Coruña habilite e
urbanice os accesos.
Segundo
datos do Clúster TIC, o 55 por cento de todos os empregos xerados
polo sector das novas tecnoloxías proceden da provincia da Coruña,
e a súa maior parte da área metropolitana da Coruña (A Coruña,
Abegondo, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Sada e Oleiros), onde
hai situadas actualmente 505 firmas vinculadas á nova economía, que
suman máis de 7.700 empregos e unha facturación conxunta de
1.097.105.597 euros.
- Fernando Suárez, presidente do CPEIG
O
CPEIG tamén quere destacar que “o proxecto inclúe un parque
empresarial, infraestruturas de servizos e investigación compartida
e centros tecnolóxicos TIC”. Os contidos iniciais da Cidade das
TIC, engade a entidade, “pasan pola dinamización da infraestrutura
actual dun centro de fabricación avanzada, unha instalación na
Fábrica de Armas de 4.000 metros cadrados que reúna servizos de
alto valor engadido, que actualmente non están dispoñíbeis de
forma sinxela a todas as empresas do ecosistema de Galicia, tanto a
nivel tecnolóxico como industrial”.
Nesta
primeira fase, hoxe en definición, crearanse neste centro unha serie
de infraestruturas con equipamento propio, denominadas Labs,
con financiamento da Xunta e baixo a responsabilidade da UDC e o
Clúster TIC, que darán servizos a todas as empresas demandantes,
con independencia do seu sector e tamaño. Segundo lembra o CPEIG, o
centro terá cinco liñas innovadoras: dispositivos intelixentes,
tecnoloxía multimedia, Intelixencia Artificial, computación
cuántica e Internet das Cousas. En cada unha haberá demostracións,
produtos funcionando e un servizo de prototipado.
Tras
esta fase inicial, acometeranse outras accións programadas, como o
aloxamento específico para empresas e institucións nos terreos da
Cidade das TIC.