A Cámara da Coruña ofrece asesoramento ás empresas en proceso de transformación a través do Kit Dixital
luns, 7 de marzo do 2022
A
Cámara da Coruña, a través da Oficina Acelera Peme, ofrece
asesoramento sobre o programa Kit Dixital que, impulsado polo Goberno
de España a través de Red.es, ten como obxectivo “promover a
dixitalización de pequenas empresas, micropemes e autónomos”, e
“contribuír a modernizar o tecido produtivo español”. A
Oficina, en funcionamento desde xullo de 2021, achega atención de
balde e personalizada, facilitando os avances en dixitalización e
axudando ás pemes fornecedoras de tecnoloxía a introducir os seus
produtos e solucións no mercado.
A
respecto do devandito, a Cámara fixo saber que no que vai de ano
preto do 70% das empresas que foron asesoradas na Oficina Acelera
Peme da Cámara solicitaron información específica do programa Kit
Dixital, que ofrece axudas directas para a dixitalización ás
empresas con menos de 50 empregados e aos autónomos. A contía do
bono que recibirán as pemes varía entre os 2.000 e os 12.000 euros
dependendo do tamaño da empresa e a solución dixital que se
implante.
En
canto aos sectores asociados ás consultas do programa destaca, en
primeiro lugar, o da información e comunicacións con case un 35%
dos asesoramentos neste ámbito. Séguelle o sector de actividades
profesionais, científicas e técnicas, cun 12% das consultas; e os
de comercio, educación, actividades financeiras e seguros,
actividades administrativas e servizos auxiliares, entre outros.
As
empresas que queiran optar a estas axudas deberán rexistrarse na
páxina web específica do programa e completar un test de
autodiagnóstico para coñecer o grao de madureza dixital. A partir
de aí, a empresa terá que escoller as solucións dixitais que
mellor se adapten ás necesidades do seu negocio, dentro dun catálogo
que inclúe: sitio web e presenza en internet, comercio electrónico,
xestión de redes sociais ou xestión de clientes, entre outros.
Por
último, a empresa poderá pedir o seu bono dixital na sede
electrónica de Red.es.
Os
interesados en ampliar información poden acceder á web da Cámara
da Coruña ou acudir á Oficina Acelera Peme, situada na sede da
entidade. Tamén poden contactar a través do 981 216 072 ou ben
escribindo a oap@camaracoruna.com.