20 concellos galegos celebran unha xornada formativa sobre as técnicas de streaming de audio e vídeo

luns, 10 de setembro do 2012 Raquel Noya

Aula CeMIT de Verín

As aulas CeMIT de vinte concellos galegos acollen dende este luns, 10 de setembro, unha actividade formativa sobre as técnicas do streaming de audio e vídeo, que se desenvolve a través de videoconferencia e mediante actividades que combinan a modalidade presencial e en liña.
Trátase dun curso gratuíto, de 15 horas de duración, no que se amosan as vantaxes e utilidades da transmisión e difusión de contidos audiovisuais a través de Internet, así como as técnicas máis avanzadas para facelo.
O curso forma parte do Programa de Dinamización 2012 da Rede CeMIT de Galicia, o cal inclúe outras xornadas de formación relacionadas co sector multimedia e audiovisual, que se levarán a cabo ata o mes de decembro.
Por exemplo, do 24 ao 27 de setembro, celebrarase en varias aulas galegas unha sesión formativa, de 15 horas de duración, sobre o papel do Community Manager e as ferramentas tecnolóxicas que emprega no seu traballo diario; mentres que do 1 de outubro ao 15 de novembro, terá lugar un curso sobre produción audiovisual, de 60 horas, no que se achegará unha visión e explicación de tódalas fases polas que pasa calquera produto audiovisual antes de chegar ao usuario final.
Para o desenvolvemento de ambas actividades empregarase o sistema de videoconferencia e videocolaboración entre usuarios de distintas aulas, o que permitirá desenvolver as clases en cómodos formatos presencial e telepresencial.
As persoas interesadas en asistir a algún destes cursos poden facer a súa reserva de praza achegándose persoalmente á aula CeMIT máis próxima á súa localidade, ou ben inscribirse en liña na web oficial da Rede CeMIT de Galicia, onde aparece unha completa listaxe de cursos, con cadansúas prazas dispoñibles e a ficha de inscrición correspondente.

PUBLICIDADE