O futuro da comunicación mundial, a debate esta semana en Santiago

martes, 21 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Jesús Timoteo, catedrático de Xornalismo no Instituto Politécnico de Lisboa

A comunicación como eido socioeconómico de especial relevancia actual xa apenas se entende sen a presenza das redes e, en xeral, das novas tecnoloxías da información. Estas ferramentas constitúen, por así dicilo, unha boa parte do seu mapa de ruta. Tendo en conta isto, e tendo en conta que das estradas dixitais só podemos enxergar o chan que pisamos (o que fica a medio e longo prazo é prognosticable en pequenas medidas), enxergar o futuro da actividade empresarial na comunicación será igualmente complexo e, asemade, apaixonante. Precisamente, afondar en todo o que nos agarda en materia de fondo e formatos informativos é o gran obxectivo das xuntanzas internacionais que dan comezo este xoves 23 de outubro en Compostela e que se estenden até o 4 de decembro (estando a presentación fixada para este mércores ás 12.00 horas o dito Club).
Os encontros, que se desenvolverán na sede da Fundación Caixa Galicia na rúa do Vilar, están organizados polo Club Internacional de Prensa. Baixo o título O futuro da industria da Comunicación, daranse cita neles especialistas de toda Europa e América. Por exemplo: Alex Grijelmo, presidente de EFE; Joâo de Almeida, asesor político do primeiro ministro de Portugal ou Jesús Timoteo, catedrático de Xornalismo e Comunicación no Instituto Politécnico de Lisboa.
Pero hai máis:
· Carlos Jiménez, enxeñeiro superior de Telecomunicacións, presidente de Secuware
· Amalia Schirru, deputada polo Partido Democrático en Italia.
· Eduardo Medinaveitia, director xeral técnico de Zénith Media.
· Carlos Fernández Esteban, enxeñeiro industrial e máster en Investigación Operativa.

O outro punto de vista: América Latina

Participarán tamén distintos responsables de medios de comunicación e expertos en e de América Latina: Brasil, con Paulo Nassar, profesor e doutor en Ciencias da Comunicación, e director xeral da Asociación Brasileira de Comunicación Empresarial; Colombia, con Sandra Fuentes, Directora da Especialización en Comunicación Organizacional da Pontificia Universidade Javeriana Bogotá; Cuba, con Salim Lamrani, francés, profesor, escritor e xornalista experto nas relacións de Cuba con EEUU; Venezuela, con Blanca Eekhout, presidenta fundadora da TV do estado ViVe; Bolivia, con Alex Contreras, xornalista, foi voceiro do goberno de Evo Morales; Arxentina, con Miguel Bonasso, xornalista e deputado na Honorable Cámara de Deputados de Arxentina polo Interbloque Diálogo por Buenos Aires; México, con Gabriela Warkentin, directora do Departamento de Comunicación da Universidade Iberoamericana (Cidade de México), e Colombia, con Sandra Fuentes, directora de Comunicación Organizacional de a Pontificia Universidade Javeriana Bogotá
O futuro da industria da comunicación en EEUU, será exposta por Javier Rivero Díaz, profesor e experto en interactive Media, Comunicación e Mercadotecnia en Internet, na Universidade California Los Ángeles -UCLA.

PUBLICIDADE