O superordenador Finis Terrae comeza a funcionar en probas

venres, 18 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

O vicepresidente da Xunta visitando as instalacións do CESGA

O superordenador Finis Terrae, o de meirande memoria compartida de Europa e un dos maiores do mundo, comezou a funcionar en prácticas no Centro de Supercomputación de Galicia de xeito que se agarda que estea a pleno rendemento a finais de marzo.
Para a adquisición deste equipo a Xunta achegou 19,4 millóns de euros dun total de 61, ós que haberá que sumar o novo edificio do CESGA (que custará 20 millóns de euros e se construirá a finais de 2010). O novo superordenador ten 2.500 procesadores co 8 Gb e memoria cada un, ocupa unha superficie de 140 m2 e conta con 85 quilómetros de cable.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou que Finis Terrae só é o primeiro paso dunha actuación máis ampla e ambiciosa do Goberno galego para consolidar ó CESGA coma un Centro de Excelencia Computacional.
Durante o primeiro trimestre do ano que vén se iniciará un proxecto ó que se prevé a incorporación de 145 doutores ata 2012, no que a xuízo de Quintana, permitirá a proxección internacional da investigación galega, a retención e incorporación de persoal investigador de primeiro nivel e a participación de grupos de investigación galegos en redes de coñecemento global.
Xunto á consolidación do CESGA como centro de excelencia, o Goberno galego ten en marcha outras actuacións de compromiso coas políticas de I+D+i, sempre coa premisa de que «cremos que é posible innovar e facer avanzar a ciencia dende calquera punto do mundo, se hai tecnoloxías e recursos humanos de alto nivel». Quintana asegurou ademais que Galicia ten hoxe máis razóns que nunca para ocupar un espazo favorable no escenario da I+D+i, «polo que imos seguir aproveitando todas e cada unha das oportunidades». Reiterou ademais que todas estas actuacións son claros exemplos do sólido compromiso do Goberno galego en xeral, e da Consellería de Innovación en particular, «para facer de Galiza unha galaxia de referencia no universo da innovación».
O vicepresidente da Xunta indicou que dende o Goberno galego «queremos conseguir que o noso país ocupe unha posición de elite no escenario da innovación e a investigación». Trátase de que Galicia lidere a produción de coñecemento con proxectos, tecnoloxías e capital humano nacional, para o que se está materializando esta aposta polas políticas de I+D+i mediante unha nova dirección e mediante un novo compromiso. Unha nova dirección no sentido de que a Xunta está apostando por un novo modelo produtivo para liderar o desenvolvemento, afondando nun novo patrón de crecemento que deixa de apoiarse no cemento e pasa a privilexiar variables como a investigación, a alta tecnoloxía ou o capital humano cualificado.
O novo compromiso do Goberno galego co I+D+i materialízase a través dunha política pública planificada, que conta un instrumento transversal que define as prioridades estratéxicas como é o Plan Galego de I+D+i. Quintana sinalou que a Xunta está dedicando a I+D+i en 2008 un 138% máis que fai catro anos, pasando dos 74,2 millóns de euros en 2004 aos 176,3 millóns de euros neste ano.

PUBLICIDADE