nVIDIA lanza a nova tarxeta gráfica de referencia na gama media

luns, 12 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O mundo das tarxetas gráficas é moi diverso, indo dende as placas máis básicas que veñen normalmente de serie nos equipos informáticos, ata tarxetas de alta gama cun rendemento impresionante que custan máis que unha consola de videoxogos de alta definición, pero o xogador de PC tende a apostar por unha gama media dentro destes produtos, resultando a tarxeta raíña nesta categoría a nova nVIDIA GeForce GTX 460, que é a primeira gráfica de nVIDIA con soporte de DirectX 11 dirixida ao mercado masivo, pois ten un prezo de 199 dólares, o que podería considerarse accesible se temos en conta que o seu rendemento está moi preto de tarxetas que superan sobradamente os 300 dólares.
A nova tarxeta promete ofrece ata 4 veces máis rendemento que as súas competidoras en operacións de teselado de DirectX 11, introduce nos xogos imaxes con máximo nivel de detalle sen perder as altas taxas de refresco da imaxe e goza de compatibilidade coas tecnoloxías nVIDIA 3D Vision (coa que podería operar incluso a Full HD), PhysX e CUDA, aínda que o máis abraiante é a unanimidade con que as páxinas web especialistas en analizar este tipo de hardware defenden as bondades da nVIDIA GeForce GTX 460.
Esta nova gráfica de nVIDIA está xa á venda nos EE.UU. por 199 dólares no seu modelo con 768 Mbytes cunha interface de memoria de 192 bits, mentres que o 26 de xullo estará tamén dispoñible por 30 euros máis un modelo con 1 Gbyte de memoria cunha interface de 256 bits.


Vídeo de presentación da nVIDIA GeForce GTX 460

PUBLICIDADE