nVIDIA fai máis asumible a nova xeración de tarxetas gráficas coa GeForce GTX 1060

venres, 8 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Os afeccionados ao xogos para PC atoparon na tarxeta gráfica nVIDIA GeForce GTX 1080 a resposta a todos os seus soños, pero o seu prezo (599 euros) na meirande parte dos casos deixa ese portento tecnolóxico non anhelo, e incluso o seu modelo económico, a GTX 1070, cun prezo que parte dos 379 euros tamén afástase da meirande parte de petos, pero a creación desta nova xeración de tarxetas gráficas si contribúe á facer máis asumibles as gráficas de alta gama, e así nVIDIA anuncia agora a GeForce GTX 1060, que comparte a arquitectura Pascal das anteriores, pero sitúase ao nivel de desenvolvemento do tope de gama da anterior xeración (a GTX 980) dobrando incluso o seu rendemento en tarefas de realidade virtual, contendo un par de elementos moi importantes: o prezo (que queda en 249 dólares) e o seu consumo (só 120 watts fronte aos 180 watts dunha GTX 1080).
A GeForce GTX 1060 conta con 1.280 núcleos CUDA, 6 GB de memoria GDDR5 a 8 Gbps e unha velocidade de reloxo de 1,7 GHz (que pode forzarse até os 2 GHz) de xeito que por un prezo inferior ao dunha consola de videoxogos (algo do que non poden presumir os seus irmáns maiores) é capaz de mover os videoxogos máis esixentes e os contornos de realidade virtual que están a emerxer este ano. Unha opción moi interesante para os que queiran introducirse na realidade virtual ou, simplemente, queiran unha potente gráfica para xogos sen ter que facer un investimento esaxerado.
As novas gráficas GTX 1060 comezarán a comercializarse o 19 de xullo a través de numerosos socios de nVIDIA como Asus, Gigabyte, MSI... de xeito que está garantida a súa dispoñibilidade global e en diversidade de configuracións e prezos, quedando agora por ver se esta nova gráfica pode contribuír a reducir esa barreira psicolóxica dos mil euros para configurar un ordenador persoal capaz de funcionar cun casco de realidade virtual de Oculus ou HTC.

PUBLICIDADE