nVIDIA anuncia unha versión profesional da súa tecnoloxía 3D

xoves, 5 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Co gallo do SIGGRAPH 2010 nVIDIA anunciou que vai mellorar a súa solución de lentes estereoscópicas GeForce 3D Vision para adaptalas a esixencias de profesionais coma enxeñeiros, arquitectos, deseñadores ou químicos computacionais que traballen con deseños 3D e que queiran ver as súas creacións con detalle.
A tecnoloxía nVIDIA 3D Vision Pro levará buscará ampliar o rango de uso das lentes domésticas, deixando a súa tecnoloxía de sincronización baseada en infravermellos a un lado e adoptando un sistema de sincronización por radiofrecuencia a unha distancia de ata 50 metros, o que sirve especialmente para evitar os puntos cegos e outros problemas propios dos infravermellos (que precisan dunha visión directa bastante precisa), así como para permitir que un grupo de usuarios poida utilizar varios proxectores 3D (solución que podería escalarse incluso para salas de cine).
As lentes de nVIDIA 3D Vision Pro teñen unha batería recargable cunha autonomía para 20 horas de uso continuo, funcionan nun amplo abano de paneis e proxectores (normalmente chega con que operen a 120 Hz) e con soporte para bastantes aplicacións profesionais, con compañías coma Siemens Healthcare, Agilent, Cineform e RTT apoiando esta tecnoloxía.
Os produtos baseados en nVIDIA 3D Vision Pro chegarán ao mercado norteamericano en outubro a un prezo de 349 dólares polas lentes e 399 dólares polo concentrador transmisor por radiofrecuencia.

PUBLICIDADE