meMINI, unha cámara persoal que permítenos rescatar os últimos 5 minutos

luns, 13 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Nas vindeiras horas espérase que un proxecto de micromecenado que busca facer realidade un novo trebello supere a súa meta de 50.000 dólares para acadar o seu éxito, de xeito que no mes de xuño podería chegar ás mans dos mecenas que apoian esta campaña as primeiras unidades de meMINI, unha cámara para vestir que busca destacar fronte ás cámaras tipo GoPro (e semellantes) polo feito de que permite rexistrar os nosos momentos favoritos despois de que acontezan.
O que fará esta cámara de pequenas dimensións que podemos enganchar de xeito doado á nosa roupa mediante un sistema de imáns é gravar en bucle vídeo de entre 5 segundos e 5 minutos de duración, de xeito que, conservará o último fragmento rexistrado se prememos o seu botón de Recall. As gravacións poderán logo pasarse ao ordenador por USB, porto que tamén emprega a cámara para cargar a súa batería interna (de 1.800 mAh, o que achega unha autonomía de ata 3 horas).

A cámara poderá controlarse mediante aplicacións móbiles

Os vídeos poderán subirse á plataforma de meMINI.com (o produto inclúe 2 Gb de almacenamento na nube), facilitando que poidan compartirse por correo electrónico ou redes sociais e o control da cámara e a xestión das gravación poderá facerse mediante aplicacións móbiles.
A cámara meMINI mide 62,5 x 40 x 21,5 milímetros, grava vídeo en MP4 ata a 1.080p (con estabilización de imaxe), ten conectividade Wi-Fi N, Bluetooth 4 e USB 2.0 e o seu almacenamento interno é de 32 Gb. O seu prezo a través de Kickstarter parte dos 149 dólares (120 euros con portes).

A cámara meMINI pode colocarse sobre a nosa roupa mediante un sistema de imáns

PUBLICIDADE