inFamous 2 comercializarase en varias edicións

venres, 18 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Nesta 2ª aventura Cole xa presenta un grande control dos seus poderes

Sony vén de confirmar que o xogo exclusivo para PlayStation 3 inFamous 2 vai contar con 3 edicións distintas no mercado: a ordinaria, a especial e a heroe. Deste xeito, os incondicionais desta saga de Sucker Punch protagonizada por Cole MacGrath, que nesta ocasión terá que enfrontarse a unha entidade coñecida como a Besta na cidade de New Marais, tendo que enfrontarse a dilemas morais (decidindo se utilizar os seus poderes eléctricos para salvar á humanidade ou seguir unha senda máis caótica e destrutiva), poderán optar por edicións do xogo que inclúen distintos engadidos.
Aparte da edición básica, teremos unha curiosa edición especial, que comeza a destacar por unha cuberta lenticular (que amosa 2 portadas distintas, vendo ao protagonista nas súas variedades do mal e do ben segundo o ángulo no que miremos a imaxe) e que inclúe varios contidos descargables (unha granada eléctica, o aspecto Cole orixinal e o amplificador de ouro); mentres que os máis entusiastas poderán facerse coa versión limitada Hero Edition, que inclúe os contidos da edición especial, unha réplica da bolsa do protagonista do xogo, unha figura de Cole, un cómic edición limitada, a banda sonora e todos os complementos que estarán dispoñibles nas distintas promocións de reserva que se repartirán distintos distribuidores (coma o poder exclusivo gancho lóstrego ou o aspecto Kessler).


Un dos últimos trailers do xogo no que podemos ver os poderes de Cole en todo o seu esplendor

A edición ordinaria e a especial teñen distintos deseños de cuberta
A edición heroe de inFamous 2 é moi completa

PUBLICIDADE