inFAMOUS: Second Son figura entre os xogos de setembro de PS Plus

xoves, 31 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Hoxe é o día no que o servizo de PlayStation Plus sube de prezo entre o 14 e o 25% en función do número de meses que subscribamos, e parece que queren paliar esta mala nova cunha boa selección de xogos para o mes de setembro, xa que os usuarios de PlayStation 4 terán dispoñibles para incorporar á súa colección un par de xogos de peso: inFAMOUS: Second Son e Child of Light.
Lembremos que inFAMOUS: Second Son é a terceira entrega da saga inFAMOUS, unha especie de historia de superheroes que parece sacada da banda deseñada, pero que é totalmente orixinal das consolas de videoxogos e xoga moito co equilibrio entre o ben e o mal a través da toma de decisións. Nesta ocasión a acción transcorre en Seattle, nunha realidade alternativa na que o Estado persegue ás persoas con poderes sobrehumanos.
Child of Light é un título máis suxerinte, que nos traslada a un mundo de contos de fadas con gráficos debuxados a man e unha narrativa en rima como se fose unha canción e que está considerado como unha xoia dos xogos de rol na que a princesa Aurora ten que derrotar á malvada Raíña Negra e restaurar o reino de Lemuria.
Durante setembro manteñen o xogo adicional ¡Has sido tú! (que serve para demostrar as posibilidades de PlayLink, sistema de xogo no que os usuarios poden participar dende o seu dispositivo móbil) ao que se incorpora unha novidade, RIGS Mechanised Combat League, un título no que podermos subirnos nunha cabina dun mecha ou titán deportivo e que precisa de PlayStation VR para funcionar.
No caso do resto de consolas de Sony, os xogos ofrecidos en setembro son bastante discretos (por non dicir descoñecidos), de xeito que para PlayStation 3 teriamos Truck Racer e Handball 2016, e para PlayStation Vita We Are Doomed e Hatoful Boyfriend.

PUBLICIDADE