ikiMap incorpora desde esta semana unha versión en catalán

mércores, 16 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O servizo galego ikiMap, posto en marcha para a creación e o intercambio de mapas en liña (e para permitir intervencións sobre estes), comeza o ano con novidades, unha delas directamente relacionada coa ampliación do abano de linguas nas que se achega aos internautas (até o de agora facíao en galego, castelán e inglés). Pois ben, segundo conta a empresa responsable desta rede social (Sixtema, con sede en Santiago), xa hai un novo idioma posto en xogo, o catalán.
A rede social de raíz galega, que a partir de agora tamén se presenta baixo o epígrafe comparteix els teus mapes, confirma así a súa vontade de estar na vangarda empresarial en diversidade lingüística e respecto polos seus clientes, logo de ter dado boas probas de estar tamén na vangarda tecnolóxica.
A opción catalá, posible grazas á colaboración dos usuarios (colaboración que a empresa aproveita para agradecer), foi posta en marcha esta mesma semana. Porén, o traballo comunicativo non está rematado, e en Sixtema xa están preparando o fornecemento de novas linguas, polo que segue aberta a porta para que a comunidade internauta bote unha man. “Unicamente tendes que poñervos en contacto connosco mediante os vieiros habituais”, sinalan.

PUBLICIDADE