iCups, a alternativa de baixa tecnoloxía ao iPhone

luns, 22 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O micromecenado non sempre ampara a proxectos serios, senón que de cando en vez son simples bromas as que optan a conseguir financiamento e o conseguen, como o vaso que aspiraba a ser o auténtico Google Glass, e nesta liña temos agora que dende Los Angeles están a procurar facer realidade as iCups, unha alternativa de baixa tecnoloxía que xorde como alternativa ao iPhone e que consiste nos clásicos vasos de cartón unidos por un fío para servir como un sistema de comunicación a distancia.
Este curioso produto pode adquirirse por 7 dólares (13,23 euros cos gastos de envío incluídos), agardándose que cheguen a mans dos seus mecenas no mes de outubro e buscando principalmente servir de simpático agasallo, aínda que os responsables do proxecto non evitan citar grandes vantaxes deste produto como alternativa ao smartphone de Apple, como o non precisar de confusas actualizacións de iOS, evitar os grandes gastos en itinerancia, chamadas sempre de balde, batería ilimitada, simplicidade de uso e completamente seguro (ninguén roubará os nosos datos persoais deste trebello).

O iCups é apto para usuarios de calquera idade dada a súa simplicidade de uso

PUBLICIDADE