eSlick, un lector de libros electrónicos a 229,99 dólares

venres, 19 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Os dispositivos para a lectura de libros electrónicos están cobrando popularidade nos EE.UU. grazas ao Kindle de Amazon, mentres que en Europa apenas teñen presenza real, pero poderían comezar a verse grazas a trebellos coma o eSlick, pois con menos de 1 centímetro de grosor, 180 gramos de peso, unha pantalla de 6 polgadas cunha resolución de 600 x 800 píxeles (de tinta electrónica para que a autonomía sexa elevada, permitindo ler ata 8.000 páxinas sen recargar), unha memoria interna de 128 Mbytes, lector de tarxetas SD e reprodutor de MP3 integrado se vende a só 229,99 dólares (162,59 euros), o que fai que se axuste mellor aos petos dos consumidores, que poderían considerar interesante adquirir un dispositivo que permite levar enriba unha biblioteca completa cun peso semellante ao dun libro de 200 páxinas.
O eSlick inclúe as aplicacións Foxit Reader Pro Pack e Foxit PDF Creator, unha tarxeta SD de 2 Gb e auriculares, e pode presentar en pantalla documentos TXT e PDF (de aí que inclúa un creador de documentos PDF no seu software).

PUBLICIDADE