bq presenta o seu primeiro smartphone con carcasa metálica

mércores, 14 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Esta mañá a compañía española bq anunciou un novo smartphone, o Aquaris X5, que é o primeiro desta marca construído cun corpo de metal, no que parece unha clara aposta por ofrecer certo toque de deseño que axuden a atraer consumidores, o que non parece ser un problema para esta compañía que está a conseguir unhas grandes vendas grazas á súa grande presenza comercial en establecementos físicos.
O bq Aquaris X5 ten unha pantalla IPS de 5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 412, 2/3 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), 4G, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, dual SIM e batería de 2.900 mAh, que parte dun prezo de 229 euros para o seu modelo con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno, que incrementa o seu prezo 20 euros para dobrar a capacidade de almacenamento interna e outros 20 euros máis no caso de querer o modelo con 3 GB de RAM.
Temos así o que poderiamos considerar como unha versión premium do bq Aquaris E5 4G, ao que supera lixeiramente, polo que sería un chanzo máis alto en prezo, pero unha relación calidade-prezo moi superior. Este novo terminal vén con Android 5.1.1 e promete que se actualizará a Android 6.0; o seu grosor é de 7,5 milímetros e o seu peso de 147 gramos, sendo especialmente rechamante a súa carcasa metálica en distintas cores: negro/gris antracita, branco/prata e branco/dourado rosa.

PUBLICIDADE