bq estrea un smartphone con Android 4.2, dobre SIM e pantalla de 5 polgadas

venres, 26 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O popular fabricante de tablets e lectores de libros electrónicos bq continúa a introducir smartphones con Android no seu catálogo, e tras a estrea dun primeiro bq Aquaris, que incluso chegou a venderse baixo a marca FNAC, temos agora o atractivo bq Aquaris 5, que chega ao mercado libre a un prezo de 199,90 euros (tanto a través da páxina web do seu fabricante como en establecementos como a FNAC ou Media Markt) cunha pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 540 x 960 píxeles, un potente procesador Cortex A7 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno e Android 4.2, que entre as súas vantaxes destaca por soportar do uso de dúas tarxetas SIM.
Este novo móbil ten un grosor de 9,9 milímetros, pesa 170 gramos, conta cunha batería de 2.200 mAh (que permitiríalle aguantar ata 10 horas de conversa, 8 horas de streaming ou 6 horas de navegación web) e combina moitas outras prestacións (cámaras de 8 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth e GPS) que o converten nunha opción moi interesante para quen desexe facerse dun terminal libre que inclúa só as aplicacións fundamentais e non veña cargado cunha chea de ferramentas de pouco interese para o usuario que consumen moitos dos recursos do terminal (como fan algúns fabricantes). A súa principal carencia sería a reducida definición da súa pantalla de grande tamaño.

O bq Aquaris 5 presume do tamaño da súa pantalla

PUBLICIDADE