Zona Franca pon en marcha a nova edición de ViaGalicia con 24 proxectos na sede de Lugo

martes, 28 de marzo do 2023 S. P.

A sétima edición da aceleradora ViaGalicia xa está en marcha e este luns 27 de marzo celebrouse en Lugo a primeira xornada de traballo, o Startup Day lucense, ao que se sumará, nuns días, o Startup Day vigués. Ao acto institucional de apertura asistiron delegado do Estado, David Regades; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a directora de GAIN, Patricia Argerey; e o presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Jaime López, así como José Luis Villaverde; director de área de Valorización, Transferencia e Emprendemento USC.
Un total de 24 proxectos iniciaron o seu traballo na sede de Lugo. Son 14 da provincia da Coruña, 9 da provincia de Lugo e un de Ourense. Por localidades 9 son da Coruña cidade e o resto das Pontes, Camariñas, Negreira e Santiago. Os de Lugo, 6 son da capital e o resto de Palas de Rei e Begonte.
Foron 143 as iniciativas empresariais presentaron as súas propostas na sétima edición da acelerador ViaGalicia, promovida polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia.
En concreto, o 75% dos proxectos presentáronse para a súa aceleración na sede de Vigo e un 25% para a de Lugo, mantendo así as porcentaxes de participación das anteriores edicións para as zonas norte e sur de Galicia, respectivamente.
Esta sétima edición conta cun orzamento de 2,25 millóns de euros, destinados á formación, asesoramento, mentoring e financiamento dos proxectos que participen no programa de aceleración.
Se ben ViaGalicia acolle proxectos de calquera sector, estes deben ter un claro compoñente innovador e “ser susceptíbeis de investimento”, desde iniciativas en fase de idea (early stage) ata outras máis desenvolvidas (scaleups). Tamén teñen que contar cunha antigüidade máxima de cinco anos ou sete no caso de que impliquen desenvolvementos tecnolóxicos (unha das novidades desta sétima edición).
Ademais, o programa valora “o compromiso dos equipos promotores”, integrados por un mínimo de 2 persoas; e premia a composición multidisciplinar, factor crave no éxito dos proxectos.
Desde ViaGalicia, acompáñase aos proxectos na súa posta en marcha, financiamento e maduración, ao abeiro dun programa de alto rendemento que axuda aos participantes a definir o seu modelo de negocio, validar as hipóteses e identificar correctamente os seus mercados e clientes.
Ademais, para levalo a cabo, as novas firmas innovadoras poden acceder a subvencións a fondo perdido de ata un máximo de 25.000 euros por proxecto a través da Axencia Galega de Innovación. A isto engádese nesta edición un fondo total de 1.500.000 euros, que se repartirán entre as startups con maior potencial de crecemento, seguindo o criterio de investimentos das sociedades de capital risco Vigo Activo e XesGalicia.
Desde a súa creación, ata a sexta edición, ViaGalicia apoiou na definición do modelo de case 200 proxectos empresariais e acelerado a 78 novas startups, distribuíndo máis de 10 millóns de euros en financiamento directo. Estas empresas crearon máis de 500 postos de traballo, facturaron 35 millóns de euros e, ata a data, captaron máis de 55 millóns de euros en roldas de financiamento.
Dos proxectos acelerados, son varias as startups que xa se consolidaron como empresas e convertéronse en referentes do ecosistema emprendedor. É o caso de Alén Space, unha nova firma dedicada ao lanzamento de nanosatélites, convertida nunha das pioneiras no sector do Novo Espazo; ou de Alice Biometrics, unha solución innovadora de identificación biométrica. Tamén destacan Beta Implants, que lidera o mercado ibérico de implantes animais; Opositatest, plataforma líder en España na preparación online de oposicións; Councilbox, un referente para a celebración segura e online de reunións remotas con validez xurídica; ou Help Flash, que comercializa a innovadora luz V16, que substitúe aos triángulos de emerxencia.
Listado de proxectos da sede de Lugo 2023
1.- Aobá Upcycling. Aobá é unha empresa de economía circular, onde se repensa a moda desde unha perspectiva máis ética (lugo).
2.- Atlantic It. Atlantic It é unha empresa tecnolóxica formada por enxeñeiros e técnicos en informática que contan cunha dilatada experiencia profesional (Vilagarcía de Arousa e a Coruña).
3.- Breiko Breiko. Plataforma tecnolóxica que crea unha rede social entre transportistas. App colaborativa para condutores de camión e bus (Camariñas).
4.- Byroomnumber. Aplicación de Check-in para hoteis que permite a selección de habitación exacta sobre plano e a contratación anticipada de servizos extras (Ourense).
5.- Cuberta Atenuadora para Barreiras (CAB). CAB fabricada con material reciclado. Reduce a contaminación acústica e o impacto en accidentes (Begonte, Lugo).
6.- Dtalpau. Estudo de deseño e fabricación de mobiliario feito a man por ebanistas con 30 anos de experiencia. (A Coruña).
7.- Dignitas Solucións. Deseño de solucións construtivas habitacionais avanzadas en vivenda para persoas maiores (A Coruña e Lugo).
8.- Enzicas. Aditivo alimentario natural que reduce os tempos de maduración e curación en queixos e embutidos (A Coruña).
9.- Festigaleiros. Escaparate dixital dos festivais, feiras e festas de galicia (Lugo).
10.- Galician Art. Galería virtual onde artistas galegos poidan vender as súas obras dunha forma diferente a través de Realidade Virtual e Aumentada (Santiago de Compostela).
11.- Hortiponic. Hortos modulares, sustentábeis e autosuficientes que produzan mediante técnicas hidropónicas (Negreira).
12.- Imachine. Ferramenta de sensórica e monitoraxe continua de máquinas industriais, con escalabilidade baixo custo e conectividade Lorawan (Lugo).
13.- M3q by dalma. M3q é a ferramenta dixital autoconsumíbel con algoritmos avanzados, que diagnostica as dimensións críticas de éxito de pemes. (A Coruña e Barcelona).
14.- Mundo Healthy. Alimentos innovadores, baseados en clara de ovo. Sen hidratos nin graxa nin azucre nin lactosa (Palas de Rei, Lugo).
15.- Nómades app. Aplicación para docentes non universitarios que traballan lonxe do seu fogar. Consulta de listas, vacantes, roteiros, aloxamento e permutas (A Coruña).
16.- Olistickare. Nova marca de cosmética natural vegana dirixida a mulleres de 35 a 65 anos (Lugo).
17.- Recarbo. Dixitalización do caderno de campo no sector agrogandeiro e control e certificación de pegada de carbono (A Coruña).
18.- Rema Neutron Scanners. Tomografía e radiografía industrial e de seguridade por emisión e detección de neutróns. Vemos o que os Raios-X non ven (Santiago de Compostela).
19.- Simulador de entrevistas de traballo. Simulador de entrevistas online con IA e Big Data para practicar as entrevistas de traballo e analizar o teu perfil (A Coruña).
20.- Thedronemba. Formación a pilotos de drons para o mercado crecente (As Pontes de García Rodríguez).
21.- Theok.App. SaaS para a xestión integral de eventos que rexistra, centraliza e analiza os datos que xera a organización (Lugo).
22.- Umania. Plataforma formativa do terceiro sector, onde ONG e profesionais poden monetizar o seu coñecemento e consumir contido formativo (A Coruña).
23.- Wearsback. Plataforma que permite a particulares dar unha segunda vida ao material deportivo de forma flexíbel e sen complicacións (Santiago de Compostela).
24.- Xuvenlab. Spin-off da USC para formación e comercialización de kits educativos e eventos de divulgación científica (Lugo).

PUBLICIDADE