ZUK estréase cun smartphone con USB 3.0 de tipo C

mércores, 12 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A compañía chinesa ZUK, apoiada por Lenovo, presentou o seu primeiro smartphone, o Z1, que será un terminal a ter moi en conta, non só por ser un terminal de altas prestacións que vai saír á venda en China a semana que vén (a versión internacional comercializarase en breve) a un prezo moi axustado (1.799 iuans/252,84 euros), senón porque a súa aposta polos portos USB-C non se limita a instalar un conector reversible como fixeron outros fabricantes, senón que este porto sería USB 3.0, o que é un bo achegamento ao que serán estes conectores no futuro (que nas súas versións máis completas soportan o estándar USB 3.1).
O ZUK Z1 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 801, 3 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD de 5,5 polgadas, cámara traseira cun sensor CMOS de 13 Mpíxeles e estabilización óptica de imaxe, cámara frontal de 8 Mpíxeles, sensor de pegadas dixitais (capaz de recoñecer unha pegada en só 0,31 segundos), dobre SIM, Android 5.1.1 e batería de 4.100 mAh (outro elemento moi salientable do smartphone). Temos así que a marca ZUK comezará con moi bo pé, ofrecendo un produto completo, coidado e incluso un chisco innovador, o que podería contribuír a facelo nun dispositivo popular a nivel global.

O porto USB-C do ZUK Z1 é USB 3.0, ou sexa, 10 veces máis rápido que os conectores que habitualmente integran os smartphones

PUBLICIDADE