YouTube podería limitar o vídeo en 4K a usuarios de pagamento

luns, 3 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Para atraer usuarios ao subscribirse a YouTube Premium o servizo de vídeo de Google ofrece beneficios como reproducións de vídeo sen anuncios, descarga de contidos para a súa reprodución fóra de liña e reprodución en segundo plano, pero poderían adoptar novas medidas moi na liña de servizos como Netflix, xa que varios usuarios atopáronse ante a imposibilidade de reprodución contidos en 4K, xa que a plataforma indícalles que é unha característica para usuarios de pagamento.
Estamos ante un experimento por parte de YouTube que, de recibir unha boa resposta por parte dos usuarios, suporía un antes e un despois, xa que colocaría en 1.440p a resolución máxima dispoñible para usuarios de balde, tendo que pagar para poder gozar das mellores calidades de vídeo.
Esta medida en YouTube sería moi semellante á política que tiña Google con Stadia, que era de balde para correr xogos a 1.080p, pero cobraba para poder xogar en 4K; aínda que no caso de YouTube a limitación da resolución afectaría basicamente a usuarios de pantallas de grande tamaño, xa que en dispositivos móbiles o normal é non reproducir contidos a máis de Full HD.
En calquera caso, non podemos esquecer que estamos ante unha das moitas probas que fai Google cos seus servizos, de xeito que a decisión de limitar as reproducións de vídeo a resolucións a partir de 4K a usuarios de YouTube Premium está aínda sen tomar, aínda que pareza bastante razoable (e probable).

PUBLICIDADE