Yongnuo anuncia unha cámara con Android e obxectivos intercambiables

luns, 5 de novembro do 2018 Marcus Fernández

O fabricante chinés Yongnuo, coñecido normalmente polos seus obxectivos de baixo custo para cámaras Canon, adiantou nas súas redes sociais que está a preparar unha cámara de seu que sería moi semellante a un smartphone, ofrecendo así un tamaño moi compacto e grandes posibilidades.
A Yongnuo YN450 funcionaría con Android 7.1, contaría cunha pantalla táctil Full HD de 5 polgadas e aceptaría obxectivos Canon EF, ou sexa, obxectivos de cámaras réflex. Este trebello estaría equipado cun procesador Qualcomm de 8 núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 32 GB), conectividade 4G e Wi-Fi, sensor Panasonic de 16 Mpíxelles para a cámara traseira con obxectivos intercambiables, cámara frontal de 8 Mpíxeles, flash dual LED, batería de 4.000 mAh e soporte para GPS, conector de auriculares de 3,5 milímetros e micrófono dual estéreo.
Esta nova cámara non só permitirá disparar imaxes JPEG de 16 Mpíxeles, senón que tamén ten soporte de RAW, converténdose nunha opción moi atractiva para quen quere gozar dunha cámara moi compacta e flexible, que tamén facilite a publicación case instantánea en redes sociais.
Queda por saber se o prezo desta cámara é o suficientemente axustado para que se converta en todo un referente para creadores en mobilidade e, especialmente, para amantes dos obxectivos intercambiables de baixo custo, que buscan desatar a súa creatividade sen realizar grandes investimentos.

A cámara Yongnuo YN450 ten como atractivo tanto o seu tamaño compacto como o feito de ser basicamente un smartphone 4G co que poder publicar instantáneas ao momento

PUBLICIDADE