Yahoo! regálalle aos seus empregados un smartphone de última xeración

luns, 17 de setembro do 2012 Raquel Noya

A actual CEO de Yahoo!, Marissa Mayer, que tomou posesión do posto na compañía hai preto de dous meses, está a facer todo o posible para que a firma se converta “no mellor lugar para traballar”, tal e como prometerá nun comunicado a toda a planta de empregados, e para comezar vén de anunciar que lle regalará un smartphone e un plan de datos a cada persoa contratada nos 22 países nos que opera.
Trátase dunha acción moi semellante á que levou a cabo Microsoft recentemente, coa diferenza de que en Yahoo! recibirán un smartphone de última xeración absolutamente tódolos empregados, tanto os que traballan a tempo parcial como completo.
A intención é ter satisfeito ao persoal da compañía, ao tempo que se poñen ao tanto do que se “coce” no mercado móbil, un sector que lle interesa á CEO de Yahoo!, onde xa ten posto o ollo para as vindeiras estratexias de mercado.
E para demostrar que vai en serio e que Mayer non é unha muller (como se soe dicir nestes casos), agarrada, os empregados e empregadas de Yahoo! poderán escoller entre un iPhone 5, un Nokia Lumia 920, un HTC One X ou un Samsung Galaxy S3: o mellorciño do mercado no tocante a telefonía móbil e sistemas operativos.
Iso si, do que fora o teléfono oficial da compañía ata o momento: a BlackBerry, non se atopa nin o rastro, o que significa que a nova CEO tomou ben en serio o de renovar a imaxe de Yahoo!.
As fabricantes de teléfonos, pola súa banda, tamén apuraron a posicionarse para venderlle o meirande número de terminais a Yahoo!, e mentres Apple e Samsung confían nas súas novidades para seren os máis escollidos, Nokia xa ofreceu cargadores sen fíos para aqueles que decidan probar o seu Lumia 920.

PUBLICIDADE