Xornalistas e profesionais das TIC avaliarán na Coruña novas vías de colaboración

xoves, 5 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Xornalistas ao tanto de campañas políticas (tamén vía Internet) vistos por Ken Cedeno en The New York Times.

Coa prensa acontece un pouco coma coa industria tradicional da música. Mantívose máis ou menos igual durante anos e sen mudar moito os seus modelos en boa parte porque as cousas non lle ían precisamente mal con eses modelos. Até que co afianzamento das novas tecnoloxías (con cidadáns máis e mellores informados sobre elas e sobre outras alternativas posibles de informarse), constatouse unha realidade: ou se aplicaban cambios fondos na achega aos usuarios ou se ía perder a atención destes para sempre. Disto, de avaliar a natureza desas transformacións e de albiscar o porvir é do que tratan en boa medida as quintas Xornadas sobre a Prensa e as Novas Tecnoloxías que organiza a Asociación de Editores de Diarios Españoles (AEDE) na Coruña os días 18 e 19 de xuño no Hotel Meliá María Pita.
No encontro, que contará con La Voz de Galicia en labores de anfitrioa, participarán profesionais de toda España vinculados de maneira estreita ó traballo de preparar a Rede para informar nela e de afacer a propia información para traballar na Rede.
Entre os relatores que xa confirmaron a asistencia a esta xuntanza (que se vai inaugurar o día 18 ás 21.00 horas cun cóctel de benvida no devandito hotel coruñés), atopamos a Roberto de Celis (director de Internet de ABC), Pilar Gómez-Borrero (directora xeral de Zeta Digital) ou José Manuel Calvo (subdirector de El País) quen falarán arreo sobre oportunidades redaccionais e informativas; ou a Chris Bauer, profesor de Xornalismo en liña da City University de Londres, quen avaliará o seguinte cruzamento de vieiros: o da interrelación das novas tecnoloxías e a comunicación tradicional.
Tamén fará acto de presenza (entre outros moitos profesionais do xornalismo e das TIC) Dominique Loumaye, director xeral para España de Wunderloop, quen fará unha análise do xeito de comportarse dos internautas co obxectivo de definir que tipo de publicidade é a que máis lles interesa. Asemade, participará na xuntanza Miguel Aguado Rubio, de Ericsson España, que falará sobre as novas vías que podería adoptar a promoción comercial nos móbiles a través –principalmente- das mensaxes de texto, sms.

PUBLICIDADE