As Xornadas MX de Inverno reciben o Nadal con lecer electrónico e outras actividades

xoves, 17 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Para recibir as vacacións de verán no mes de xuño o Forum Metropolitano da Coruña acolleu as Segundas Xornadas MX organizadas pola asociación cultural Movemento Xoves, e agora que se achega o Nadal, quere repetir a iniciativa e convocan as Xornadas MX de Inverno para os días 18, 19 e 20 de decembro. Nesta cita poderanse gozar de xogos de mesa, proxeccións audiovisuais, obradoiros, charlas, e, como vén a ser habitual neste tipo de encontros, unha grande presenza dos videoxogos, tanto en xogo libre como en torneos.

Durante o venres, a partires das 17:00 horas, podemos salientar que organizan torneos de Mario Kart, Just Dance e Mario Tennis, á vez que tamén celebrarán sesións de freeplay de videoxogos; mentres que o sábado xa haberá freeplay de videoxogos a partires das 9:00 horas, tendo lugar ás 17:00 horas un torneo de Smash Bros organizado por Smash Galicia. Ás 18:30 horas do sábado tamén celebrarase unha clase maxistral de Teoría sobre videoxogos.

O resto de actividades xa se afastarían do lecer electrónico, e van dende sesións de lectura e charlas até competicións de preguntas sobre Star Wars. Un xeito ideal para que a mocidade coruñesa reciba as vacacións de Nadal.

Programa das Xornadas MX de Inverno

PUBLICIDADE