Xornada de boas prácticas en torno ás novas tecnoloxías no CDTIC

xoves, 24 de maio do 2012 Raquel Noya

O vindeiro 31 de maio, o Centro Demostrador TIC de Galicia vai facer balance do que dou de si o seu primeiro ano de funcionamento dando conta de tódalas solucións tecnolóxicas que ían aparecendo no mercado, e farao no marco dunha Xornada de Boas prácticas, Oportunidades e Estratexias para crecer coas TIC.
Esta xornada, que terá lugar entre as 9:00 e as 14:00 horas, servirá tamén para achegarlle ás empresas galegas tendencias tecnolóxicas que posibiliten a modernización do seu negocio, a mellora do seu posicionamento na economía galega e a apertura a novos mercados.
O evento comezará cunha visita guiada ao Centro Demostrador TIC e a apertura institucional por parte de representantes de red.es e da Xunta, as entidades que fixeron posible a construción deste Centro.
A continuación terán lugar unha serie de relatorios de carácter eminentemente práctico nos que os expertos convidados explicarán a forma de quitarlle rendemento ás últimas tendencias tecnolóxicas para mellorar a competitividade e rendabilidade empresarial.
O primeiro dos relatorios levará por título, Software libre como ferramenta de eficiencia e competitividade para a PEME, e virá seguido dun relatorio no que se porán ao descuberto as vantaxes da tecnoloxía na nube: Cloud Computing. Aproveitando os beneficios da nube, para rematar con Social Media. O teu negocio conectado.
Todos os relatorios contarán coa participación dun empresario galego que poida aportar a súa experiencia de éxito no uso das TIC.
A xornada vai dirixida aos autónomos e profesionais de empresas da nosa comunidade e asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través da web do Centro Demostrador TIC.

PUBLICIDADE