Xiaomi trae a España o seu receptor Bluetooth compacto

venres, 26 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A tecnoloxía Bluetooth permite librarnos dos cables para a reprodución musical, pero non todos os nosos dispositivos contan con tal conectividade, de aí que haxa adaptadores como o Mi Bluetooth Audio Receiver de Xiaomi, que chega ás tendas a un prezo de 19,99 euros, e que permite dotar de Bluetooth a uns auriculares ou uns altofalantes de cable.
Este receptor de Bluetooth 4.2 mide 5,9 centímetros de longo e 1,35 centímetros de ancho, pesa 10 gramos e integra unha pinza para facilitar a súa colocación na nosa roupa mentres, por exemplo, practicamos deporte. A súa batería interna (de 97 mAh) cárgase por micro USB e achega unha autonomía de entre 4 e 5 horas.
Un dos usos deste tipo de trebellos que cómpre destacar é o de conectar a súa saída de audio á entrada de liña dun equipo de son dun automóbil que non teña Bluetooth, facilitando así escoitar música do móbil no coche sen ter que mudar o sistema de son.

Ao integrar unha pinza na súa parte traseira, o receptor Bluetooth de Xiaomi pode resultar cómodo para o seu uso durante a práctica deportiva
O Mi Bluetooth Audio Receiver ten un tamaño moi compacto

PUBLICIDADE