Xiaomi terá unha versión de seu das Oculus Go para o mercado chinés

martes, 9 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O pasado mes de outubro Facebook anunciou que a primeiros de ano iniciaría a comercialización de Oculus Go, un casco de realidade virtual autónomo, ou sexa, unha solución semellante ao casco Gear VR de Samsung, pero que non precisaría da introdución dun smartphone no seu interior, e que tería un prezo de 199 dólares, reducindo así a barreira de entrada do público na realidade virtual; e agora, no marco do CES de La Vegas, matizan que este produto é froito dun acordo de colaboración máis amplo con Qualcomm Technologies e Xiaomi, de xeito que no mercado global teremos as Oculus Go, mentres que dentro de China será posible facerse co Mi VR Standalone.
Ambos cascos de realidade virtual funcionan coa plataforma de realidade virtual móbil Qualcomm Snapdragon 821, integran pantallas LCD de 2K e integran audio espacial (sendo posible conectarlle auriculares para unha experiencia máis privada).
A grande diferenza entre ambos trebellos será o software e os servizos, de xeito que o casco de Xiaomi distribuirá as aplicacións e os contidos a través da Mi VR Store. O casco de Xiaomi será compatible co software desenvolvido para Oculus Go, polo que será un produto moi interesante para gozar de xogos, vídeos e outras aplicacións.
Aínda que a calidade da realidade virtual móbil é moi inferior do que pode conseguirse cun PC de alta gama, as distancias cada vez son máis curtas, destacando a variante móbil polo seu alto nivel de liberdade de movementos para o usuario, polo que este tipo de produtos parecen estar buscando simplemente abrirse camiño cara o que será a realidade virtual do futuro, de xeito que cada vez será máis asumible e os seus resultados máis realistas e inmersivos.

O Mi VR Standalone e as Oculus Go son produtos case idénticos a nivel de hardware

PUBLICIDADE