Xiaomi renova a súa batería externa e a súa pulseira de actividade

luns, 9 de novembro do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro día 11 en China celebran o día dos solteiros, un día de rebaixas comparable ao norteamericano Black Friday, e para unirse á festividade consumista dende Xiaomi preparan novos dispositivos bastante atractivos, pese a ser simples revisións da batería externa e a pulseira de actividade da compañía.

Mi Power Bank de 20.000 mAh

A nova Mi Power Bank é un produto que sen dúbida vai converterse en todo un referente, xa que esta batería externa xa non se conforma con capacidades de 5.000, 10.400 ou 16.000 mAh e chega até os 20.000 mAh, atendendo ás cada vez maiores baterías dos tabletófonos e incluso podendo servir para cargar a batería dun dos novos Macbook, de xeito que é un complemento perfecto para as viaxes.
Aparte da alta capacidade, unha das cousas rechamantes desta batería é que pode achegar corrente continua a 2 amperes en 5 e 9 voltios e 1,5 amperes a 12 voltios, ou sexa, que podería cargar numerosos dispositivos que soporten modos de carga rápida, sendo capaz e entregar 5,1 voltios a 3,6 amperes, ou sexa, que podería cargar até dous dispositivos electrónicos á vez. Mide 141,9 x 73 x 21,8 milímetros e conta con 2 portos USB 2.0 e un porto micro-USB (este último para a súa recarga).
Probablemente este accesorio só teña unha característica que non resulta agradable, como son os seus 338 gramos de peso, pero realmente si é unha importante mellora, xa que dúas baterías de 10.000 mAh da mesma marca pesarían 414 gramos. Temos así un trebello ideal para as fins de semana e viaxes, que como punto forte ten, sen dúbida, o seu axustado prezo de 149 iuans (21,73 euros).

Mi Band Pulse

Pero non só a batería externa de Xiaomi mellora, senón que a pulseira de actividade Mi Band tamén estre revisión, a Mi Band Pulse, que busca aproveitar a popularidade deste accesorio económico para converterse na pulseira de referencia entre os usuarios que queiran introducirse neste tipo de wearables, xa que, desta volta, en vez de ser un sistema básico de rexistro da nosa actividade física chega máis aló ao integrar un pulsímetro óptico mantendo o seu prezo en 99 iuans (14,44 euros) mentres que o modelo anterior queda en 69 iuans (10 euros).
Esta nova pulseira é compatible con iOS e Android, de xeito que podemos controlar dende o noso smartphone tanto a nosa actividade física como o ritmo cardíaco, datos de interese para saber se mantemos certo ritmo na práctica deportiva, o que busca habitualmente traducirse nun incentivo para unha vida máis activa e saudable. Entre as grandes vantaxes da Mi Band Pulse estaría o seu peso de só 13,5 gramos e a súa autonomía de 30 días (en contraste con outros accesorios semellantes que hai que recargar cada poucos días).

PUBLICIDADE