Xiaomi presenta un smartwatch infantil bastante económico

luns, 2 de maio do 2016 Marcus Fernández

Os smartwatches para cativos son produtos emerxentes, pero aínda cuns prezos bastante elevados, atranco que poderían salvar fabricantes chineses como Xiaomi, que presentou o Mi Bunny Kids Watch, trebello que en China terá un prezo de só 299 iuans (40,20 euros) o que pode animar a máis dun pai a adquirir un destes accesorios para os seus cativos.
O Mi Bunny Kids Watch é reloxo de pulso de 189 x 40 x 15 milímetros e 37 gramos e peso que agocha no seu interior un teléfono GSM con posicionamento mediante GPS e Wi-Fi, conectividade Bluetooth 4.0 e batería de 300 mAh (que achegaría unha autonomía de até 6 días en espera). O trebello é resistente á auga e conta cunha resistente correa de silicona en cor azul ou rosa.
Xiaomi ten asociado o dispositivo a unha tarifa móbil que permiten recibir chamadas en custo, falar a 0,1 iuans/minuto (1,3 céntimos/min.) ou empregar datos a 0,1 iuans cada megabyte, incluíndo o reloxo unha tarxeta con 10 iuans (1,34 euros) de salgo que estiman que podería durar uns 5-6 meses en circunstancias normais. O teléfono integrado só acepta a introdución de 12 números de teléfono de familiares, de xeito que non se aceptarán chamadas doutros números (evitando así fraudes e outras ameazas).
O reloxo pode configurarse comodamente dende unha aplicación móbil para iOS e Android, de xeito que os proxenitores poden definir balizas GPS, ou sexa, zonas seguras das que, no caso de que os cativos saísen das mesmas, xerásese unha alerta. Tamén pode facerse un seguimento do seu camiño de regreso da escola a casa, de xeito que se avisaría aos pais no caso de desviarse da ruta habitual. Os pequenos tamén poden premer o botón do reloxo para realizar unha chamada de emerxencia aos seus pais (que incluirá os datos de localización para maior tranquilidade), aínda que posiblemente o seu uso limitarase máis a recibir chamadas ou a funcionar como reloxo con alarma (por exemplo, a xeito de espertador). Un produto bastante interesante para que os pais poidan ter controlados os seus cativos e contactar con eles rapidamente antes de que teñan idade para levar un smartphone.

PUBLICIDADE