Xiaomi presenta un novo smartphone de prezo contido cun procesador Snapdragon 855+
venres, 20 de setembro do 2019
Os
smartphones Redmi
K20 e K20 Pro de Xiaomi, comercializados en España como Mi
9T e Mi
9T Pro, supuxeron toda unha revolución dentro da familia Redmi (caracterizada
polos seus prezos axustados) xa que incorporaban prestacións de gama alta e os
procesadores máis potentes do mercado Android, e a xogada parece ter funcionado
ben, xa que Xiaomi
recunca agora co Redmi K20 Pro Premium Edition.
O novo smartphone chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 855+, até 12 GB de
RAM, até 512 GB de almacenamento interno e cun cargador de 27 watts, combinación
que supera á meirande parte dos smartphones de alta gama do mercado, e que
podería facer que se convertese nunha das opcións máis apetecibles para moitos
xogadores de móbil (xa que incluso conta cun sistema de refrixeración de 8
capas de grafito, co que conseguen até un 650% máis de eficiencia na redución
térmica que cunha única capa de grafito, á vez que promete un 15% máis de
rendemento gráfico que teléfonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 855).
O Redmi K20 Pro Premium Edition ten unha pantalla AMOLED de 6,39 polgadas,
cámara traseira tripla de 48, 13 e 8 Mpíxeles, cámara frontal periscópica de 2
Mpíxeles e batería de 4.000 mAh que co seu cargador rápido pode chegar ao 58%
da súa carga en só media hora (precisando de 72 minutos para unha carga
completa).
Este smartphone chegará a China en 5 cores distintas en tres variantes con 8 GB
de RAM e 128 GB de almacenamento, 8 GB de RAM e 512 GB de almacenamento e 12 GB
de RAM e 512 GB de almacenamento por 2.699, 2.999 e 3.199 iuans respectivamente
(346, 384 e 410 euros). Probablemente chegue ao mercado europeo en 1 ou 2 meses.