Xiaomi presenta os novos móbiles Redmi Note 12

xoves, 23 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe a nova familia Redmi Note 12, que cobre un amplo abano de prezos, adaptándose así a un público moi amplo afeito ao xeneroso tamaño de pantalla dos Redmi Note e a unha boa autonomía, pero con distintos niveis de esixencia a nivel de prestacións e cámaras.
O modelo máis básico sería o Redmi Note 12, o único da familia que limita a súa conectividade móbil a redes 4G, e que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 685, 4 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento ampliable mediante tarxetas de memoria de até 1 TB, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,67 polgadas e 120 Hz de refresco, cámara traseira tripla cun sensor principal Samsung JN1 de 50 Mpíxeles con gravación de vídeo Full HD a 30 imaxes por segundo, cámara frontal de 12 Mpíxeles, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts, NFC, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.0, conector para auriculares, emisor de infravermellos, lector de impresións dixitais lateral e resistencia IP53. Parte dun prezo de lanzamento de 199,99 euros para a versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno (custando 249,99 euros con 128 GB de almacenamento).
O Redmi Note 12 5G daría un paso adiante ao contar cun procesador Qualcomm Snapdragon 4 Gen 1 e contar así con conectividade 5G, o que eleva o seu prezo até 279,99 euros con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Bastante máis potente sería o Redmi Note 12 Pro 5G, que funciona cun procesador MediaTek Dimensity 1080 con 5G, a súa batería inclúe carga rápida de 67 watts e a súa cámara traseira principal opta por un sensor IMX766 de 50 Mpíxeles e estabilización de imaxe, conseguindo así unhas instantáneas de moita maior calidade (pois estamos ante un sensor de grande tamaño). Tamén promete unha mellor experiencia audiovisual ao ser compatible con Dolby Vision con HDR10+ e con Dolby Atmos, así como con audio de alta resolución (incluso sen fíos). De cara aos xogadores inclúe un sistema de refrixeración con lamias de grafito de 12 capas para reducir a temperatura durante o uso intenso. O seu prezo parte dos 379,99 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e chegaría até os 429,99 euros para a versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
Máis completo sería o Redmi Note 12 Pro+ 5G, que como grandes melloras contaría cun sensor de cámara principal de 200 Mpíxeles e levaría a carga da súa batería até os 120 watts, detalles que elevan o seu prezo até os 499,99 euros para o móbil con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
Resulta bastante sorprendente ver móbiles da familia Redmi con prezos próximos aos 500 euros, pero dado que xa hai móbiles Xiaomi por máis de 1.000 euros, podemos entender que estamos ante a evolución natural da marca, que consegue tanto comercializar móbiles con prezos moi axustados, como dispositivos con grandes prestacións que, sen chegar a ser gangas, resultan competitivos.

PUBLICIDADE