Xiaomi presenta o seu novo smartphone encartable

xoves, 11 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Aínda que a meirande parte dos encartables que se venden a nivel mundial están fabricados por Samsung, outras compañías comezan a atreverse co formato, e así presentan en China o Xiaomi MIX Fold 2, que non só destaca por ter unha pantalla principal que se dobra, senón tamén por contar con cámara certificada por Leica.
O Xiaomi MIX Fold 2 quere destacar dentro do mercado dos encartables por un grosor moi contido, xa que dobrado ocupa 11,2 milímetros, pero coa pantalla aberta limita o seu grosor a 5,4 milímetros, conseguindo así proxectar unha imaxe de dispositivo moi compacto, aínda que o seu peso aínda é de 262 gramos, polo que segue a ser un trebello bastante contundente.
A pantalla externa do MIX Fold 2 ten unha diagonal de 6,56 polgadas formato ultrapanorámico, a súa resolución é Full HD+, a súa velocidade de refresco de 120 Hz e o seu brillo de até 1.000 nits. A pantalla encartable pola súa banda chega até as 8,02 polgadas, presenta unha resolución de 2.160 x 1.914 píxeles e tamén ten un brillo de 1.000 nits. No apartado sonoro presume de audio de alta resolución da man de Harman/Kardon.
A nivel de procesador ten un Snapdragon 8+ Gen 1, polo que mantense no tope de gama en Android, ao que acompaña tamén unha batería de 4.500 mAh con carga rápida de 67 watts.
A cámara traseira do MIX Fold 2 presenta un sensor principal de 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 13 Mpíxeles e un teleobxectivo de 2x.
O smartphone, con 12 GB de RAM e 256 GB/512 GB/1 TB de almacenamento, venderase en China a un prezo que parte dos 8.999 iuans (1.294 euros) e chega até os 11.999 iuans (1.726 euros), polo que sería un produto bastante competitivo, aínda que é bastante improbable que saia do mercado chinés.

O Xiaomi MIX Fold 2 venderase en dous acabados distintos

PUBLICIDADE