Xiaomi presenta o seu Mi5 como un dos smartphones máis completos do mercado

mércores, 24 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi leva moitos meses adiando o lanzamento do seu novo smartphone insignia, posiblemente para garantir que podería ofrecer un terminal realmente rechamante e potente que non padecese problemas de quecemento, e finalmente hoxe desvelou o que é o Xiaomi Mi5, que consegue ofrecer unha potencia impresionante a un prezo contido, dando a impresión de que conseguiron compor o longamente perseguido flagship killer (ou sexa, un teléfono capaz de superar aos dispositivos insignia dos grandes fabricantes).
O Xiaomi Mi5 chega cunha pantalla Full HD de 5,15 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 820, até 4 GB de RAM (LPDDR4), até 128 GB de almacenamento interno (UFS 2.0), cámara traseira con sensor Sony de 16 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe de 4 eixes (con gravación de vídeo en 4K), cámara frontal de 4 Mpíxeles, lector frontal de pegadas dixitais, infravermellos, NFC, USB-C, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, batería de 3.000 mAh con Quick Charge 3.0, conectividade 4G+ (podendo descargar a até 600 Mbps) con VoLTE e dobre nanoSIM... e todos isto dentro dun corpo cerámico cun grosor de 7,25 milímetros e cun peso de só 129 gramos.
O Mi5 estará dispoñible nun modelo básico con procesador a 1,8 GHz, 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno por un prezo de 1.999 iuans (278,71 euros), un modelo máis completo cun procesador a 2,15 GHz e 64 GB de almacenamento por 2.299 iuans (320,54 euros), unha edición exclusiva con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno por 2.699 iuans (376,31 euros) e un modelo PRO por 2.999 iuans (419,13 euros) que só estará dispoñible en cor negra e terá unha parte traseira cerámica (mentres que o os modelos máis económicos contarán con traseira de cristal).
Sobre a distribución deste novo smartphone, Hugo Barra anunciou que sairá inicialmente o 1 de marzo en China, para chegar logo á India e, posteriormente a outros mercados internacionais, como parecía obvio por estar ante a primeira vez que Xiaomi fai unha presentación en Europa (no marco do Mobile World Congress).

Hugo Barra presentou o novo smartphone no Mobile World Congress
Cunha pantalla de 5,15 polgadas o Mi5 consegue ter un tamaño contido, fuxindo das cada vez máis populares 5,5 polgadas

Vídeo no que comparan a estabilización óptica de imaxe da cámara do Mi5 coas das cámaras do iPhone 6s e 6s Plus

PUBLICIDADE