Xiaomi presenta novos móbiles para conquistar a gama media

xoves, 30 de abril do 2020 Marcus Fernández

A nova xeración dos smartphones Redmi Note de Xiaomi está a chegar nunha orde un tanto curiosa, de xeito que o Redmi Note 9 e o Redmi Note 9 Pro preséntanse cando está a piques de chegar a España o Redmi Note 9S, ou sexa, que chega antes a variante que o produto orixinal, dando a entender que estamos ante un conxunto de móbiles moi semellantes que perseguen basicamente ocupar unha boa franxa da gama media para seren grandes referentes en mercados como o español.
O Redmi Note 9 Pro vén a ser unha variante mellorada do Redmi Note 9S, cunha pantalla de 6,67 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 720G, cámara frontal de 16 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais lateral, conector para auriculares e resistencia á auga, que mellora a súa cámara traseira cuádrupla levando o seu sensor principal dos 48 aos 64 Mpíxeles; tamén inclúe NFC e a súa batería de 5020 mAh conta con carga rápida de 30 watts. Aínda non temos os prezos para España, pero como referencia temos o prezo global de 269 dólares con 6 GB de RAM LPDDR4X e 64 GB de almacenamento UFS 2.1 e de 299 dólares con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno.
O Redmi Note 9, en cambio, é un produto moito máis modesto pese a compartir deseño externo, xa que a súa pantalla queda en 6,53 polgadas, o seu procesador é un MediaTek Helio G85, o seu almacenamento interno é eMMC 5.1, a súa cámara cuádrupla ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, a súa cámara frontal queda en 13 Mpíxeles, lector de pegadas traseiro, contará con NFC nalgúns mercados e a súa batería de 5020 mAh confórmase con carga rápida de 18 watts. O seu prezo global será de 199 dólares con 3 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e de 249 dólares con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Nas mesma presentación, Xiaomi deu a coñecer o seu novo Mi Note 10 Lite, un móbil para usuarios máis esixentes, que conta cunha pantalla AMOLED de 6,47 polgadas con laterais curvos e HDR10 cunha pequena pestana superior central para a súa cámara frontal de 16 Mpíxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 730G e cámara traseira cuádrupla de 64 Mpíxeles e batería de 5.260 mAh que co seu cargador de 30 watts promete unha carga completa en só 64 minutos. Desta volta temos xa os prezos europeos, de xeito que por 349 euros teremos o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e por 399 euros poderemos optar pola versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno.

PUBLICIDADE