Xiaomi pon á venda un Smart TV de 40 polgadas a só 217 euros

martes, 6 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Está previsto que antes do verán os televisores de Xiaomi cheguen oficialmente a España, para o que terán que adaptarse para incorporar sintonizadores de TDT europeos, pero o último lanzamento da compañía chinesa fai que tal momento sexa moi esperado, xa que poderían impactar seriamente na competencia dun segmento de produtos normalmente calmo. Falamos do novo televisor Mi TV 4A, que non só inclúe as tecnoloxías de Smart TV propias dos televisores de Xiaomi, senón que tamén reduce o seu prezo até uns límites difíciles de crer, xa que o modelo con pantalla de 40 polgadas véndese na China a 1.699 iuans (217 euros).
Cómpre detallar que falamos dun televisor Full HD, cun procesador Cortex A53 de catro núcleos a 1,5 GHz cunha gráfica Mali-450, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, Ethernet, 2 portos HDMI, 2 portos USB, altofalantes estéreo con efecto Dolby e un mando a distancia co micrófono para atender a buscas mediante voz. O televisor permite a instalación de numerosas aplicacións, de xeito que achegaría unha experiencia de usuario moi completa por un prezo moi axustado, aínda que polo momento o seu software está orientado aos mercados asiáticos, polo que resulta difícil prever a acollida que tería se finalmente pode mercarse en España.

PUBLICIDADE