Xiaomi podería terse adiantado ao iPhone 8 co novo Mi MIX

martes, 25 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe o novo Mi Note 2, un teléfono que claramente imita ao Galaxy Note7 de Samsung para ocupar o oco que deixou no mercado tras a súa retirada, pero o fabricante chinés non quere conformarse con ir a rebufo dos móbiles insignia doutras compañías e atrévese ao que podería ser un anticipo do que podería ser o iPhone 8 co seu novo teléfono concepto, o Mi MIX.
Falamos dun teléfono que sorprende polo seu deseño sen marcos, xa que a súa impresionante pantalla de 6,4 polgadas (cunha resolución de 2.040 x 1.080 píxeles) chega a ocupar o 91,3% da súa superficie frontal en contraste co 67,7% de espazo que ocuparía a pantalla dun iPhone 7 Plus, para o que Xiaomi tivo que introducir innovacións como substituír o sensor de proximidade de infravermellos por un sensor ultrasónico detrás da pantalla e o altofalante auricular por un sistema de vibración no cristal que definen como cantilever piezoelectric ceramics. Outro detalle que se rumoreaba que podería ter o futuro iPhone tras o lanzamento do novo Apple Watch era un corpo de cerámica, que é o material elixido por Xiaomi para a traseira do teléfono, o marco e incluso os botóns, conseguindo así unha grande resistencia e unha sensación de teléfono de luxo.
Este revolucionario teléfono contaría cunha figura como Philippe Starck tras o seu deseño, senón que tamén opta por un curioso xeito de distinguir as súas diferentes versións: o modelo máis equipado inclúe aros de ouro de 18 quilates rodeando a súa cámara e o seu lector traseiro de pegadas dixitais. O modelo en cuestión contaría con 6 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno (UFS 2.0), e mantería o seu prezo en 3.999 iuans (541,14 euros), de xeito que poderiamos dicir que custa aproximadamente a metade que un iPhone 8 equivalente (cando saia tal terminal); mentres que a versión con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno terá un prezo de 3.499 iuans (473,48 euros), ou sexa, que a diferenza de prezo antóllase bastante reducida para un salto de capacidades tan elevado.
Este impresionante smartphone funcionará cun procesador Qualcomm Snapdragon 821 a 2,35 GHz, con cámara traseira de 16 Mpíxeles (e gravación de vídeo 4K), cámara frontal de 5 Mpíxeles, NFC, USB-C e batería de 4.400 mAh con Quick Charge 3.0, que como principal eiva tería o seu inmenso tamaño (aínda que cun grosor de só 7,9 milímetros) e o seu peso (209 gramos), detalles que poderían botar atrás a moitos interesados polos smartphones máis innovadores. A chegada ao mercado deste rechamante teléfono será o mes que vén.

O Mi MIX ten un corpo cerámico que supón toda unha mostra de que estamos ante un produto de luxo

PUBLICIDADE