Xiaomi leva os seus tabletófonos até a excelencia

xoves, 15 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Xiaomi celebrou nas últimas horas un grande evento para dar a coñecer as súas novidades, demostrando unha vez máis que son quen de deseñar dispositivos moi elegantes e potentes, que conseguen facerse co favor do público chinés e doutros países aos que van achegando os seus produtos pouco a pouco (aínda que parece aínda lonxe o día no que comercializarán os seus trebellos en Europa).
O terminal máis destacable da compañía chinesa é agora o Mi Note, que podería considerarse como un competidor directo do iPhone 6 Plus polo seu tamaño, pero sen buscar a copia como no pasado, e chegando a superar ao produto de Apple en moitas prestacións e incluso en detalles de deseño xa que, por exemplo, o Mi Note non só é máis delgado e máis lixeiro que o iPhone 6 Plus, senón que a súa cámara carece da antiestética protuberancia que ten o produto da compañía da mazá, ou sexa, que o seu sensor, pese a gozar tamén de estabilización óptica de imaxe, conseguiu manter un tamaño reducido (non tendo que sobresaír do grosor do terminal).
O Mi Note chega cunha pantalla Full HD de 5,7 polgadas fabricada por Sharp/JDI e recuberta por un cristal curvo 3D con protección Gorilla Glass 3, ten un marco metálico, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 801 a 2,5 GHZ, gráfica Adreno 330, 3 GB de RAM, 16/64 GB de almacenamento interno, cámara traseira Sony de 13 Mpíxeles con estabilización óptica e flash Philips de 2 tons, cámara frontal de 4 Mpíxeles, audio de alta fidelidade, batería de 3.000 mAh con carga rápida, dobre SIM con soporte de LTE (unha das tarxetas en formato micro SIM e a outra en formato nano SIM), un peso de 161 gramos e un grosor de 6,95 milímetros. O seu prezo será de 2.299 iuans (318 euros) para o modelo con 16 GB de almacenamento interno e de 2.799 iuans (387 euros) con 64 GB de almacenamento interno.
Pero Xiaomi non deixará este smartphone aí, senón que tamén ofrecerá unha versión máis potente, o Mi Note PRO, que conta xa con LTE de categoría 9 (permitindo descargas até a 450 Mbps), a súa pantalla de 5,7 polgadas leva a súa resolución até os 2.560 x 1.440 píxeles (dando a impresión de que tamén quere medirse con Samsung Galaxy Note 4), procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 64 bits e 8 núcleos, gráfica Adreno 430, 4GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, por un prezo de 3.299 iuans (456 euros). Temos aquí un dispositivo que demostra que Xiaomi tamén podo perseguir a excelencia e medirse cos xigantes do sector chegando incluso a superar a elegancia do seu deseño e adiantándoos en prestacións.

PUBLICIDADE