Xiaomi estrea unha tableta económica de 8,7 polgadas
xoves, 22 de agosto do 2024
Xiaomi vén de lanzar a nova tableta económica Redmi Pad SE 8.7, que pretende conseguir boas vendas grazas ao seu prezo reducido, que en promoción é de 129,99 euros para o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento (mentres que o modelo con 128 GB de almacenamento custa 159,99 euros).
Falamos dunha tableta que poderiamos catalogar de baixa gama, cunha pantalla de 8,7 polgadas cunha resolución de 1.340 x 800 píxeles cunha taxa de refresco de 90 Hz e un brillo típico de 500 nits, procesador MediaTek Helio G85, cámara traseira de 8 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles, altofalantes estéreo, toma para auriculares, Wi-Fi 5, Bluetooth 5.3, radio FM, lector de tarxetas microSD de até 2 TB e batería de 6.650 mAh con carga rápida de 18 watts; que busca converterse nun produto práctico para quen desexe unha tableta lixeira (pesa 373 gramos e o seu grosor é de 8,8 milímetros).
En calquera caso, cómpre salientar que estamos ante un produto bastante limitado, por estar equipado cunha pantalla LCD de pouca resolución, unha memoria RAM en formato LPDDR4X e un almacenamento eMMC 5.1 que dista moito de resultar áxil, pero que pode resultar igualmente un dispositivo válido para quen quere simplemente consumir contidos e ter un trebello transportable.
- A tableta é bastante limitada tecnicamente, pero ten un tamaño compacto e un prezo axustado