Xiaomi entra no negocio dos tablets e renova o seu televisor conectado

xoves, 15 de maio do 2014 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi sorprendera o pasado setembro presentado o seu potente smartphone Mi3 xunto a un televisor conectado cun prezo moi axustado, e vese que quixeron repetir o golpe de efecto, e presentan un tablet de 7,9 polgadas e un televisor con Android de 49 polgadas, que non só ten un par de polgadas máis que o seu predecesor, senón que incluso incorpora ultra alta definición.
O Mi Pad sería o primeiro tablet de Xiaomi, que aspira a rivalizar co iPad mini, para o que chegará ao mercado chinés en xuño cunha pantalla de 7,9 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (como o iPad mini con pantalla Retina), un potente procesador Tegra K1 a 2,2 GHz con 4+1 núcleos, 2 Gb de RAM, 16/64 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb, altofalantes estéreo, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, batería de 6.700 mAh, un grosor de 8,5 milímetros e un peso de 360 gramos. O prezo deste tablet é moi agresivo pois, pese ás súas elevadísimas prestacións, mantense nos 1.499 iuans no seu modelo de 16 Gb, (175,39 euros) mentres que o de 64 Gb ten o sorprendente prezo de 1.699 iuans (198,79 euros), cando o equivalente de Apple custaría 569 euros.
E se resulta rechamante o reducido prezo do novo tablet de Xiaomi, non é menos no caso do seu televisor con Android e resolución de 4K, pois en vez de superar os mil euros, consegue quedar nos 3.999 iuans (467,91 euros). O novo MiTV tamén integra un panel 3D de LG (polo que funcionaría con económicas lentes pasivas), ten un marco de aluminio de só 6,2 milímetros, para as súas funcións multimedia interactivas goza de bastante potencia (ten un procesador MediaTek de catro núcleos a 1,45 GHz, 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb) e, aparte de manexarse cun mando a distancia Bluetooth 4.0, tamén pode manexarse co smartphone (o que permitiría empregar xestos ou a voz para manexar o televisor). Este televisor chegará ao mercado chinés o vindeiro día 27, e non parece que fóra das súas fronteiras poidamos chegar a ver un produto tan completo e económico.

O Mi Pad venderase en distintas cores
Co novo MiTV posiblemente esteamos ante o Smart TV con pantalla 4K 3D máis barato do mundo


Vídeo de presentación do Mi Pad

PUBLICIDADE