Xiaomi chega a Reino Unido

venres, 9 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Dende España estamos a vivir a expansión internacional de Xiaomi con grande intensidade, especialmente porque é un dos países europeos nos que a marca chinesa ten máis forza, e tras desembarcar oficialmente hai un ano puidemos ver como chegou á meirande parte de tendas de electrónica de consumo e incluso abriu unha tenda oficial en Galicia (algo que, por exemplo, compañías como Apple aínda non fixeron).
Este fenómeno estaría agora a chegar ao Reino Unido, onde hoxe anunciouse oficialmente a distribución oficial británica co lanzamento do Mi 8 Pro a un prezo de 499,99 libras esterlinas e a confirmación de que o vindeiro día 18 inaugurarán unha Mi Store en Londres. Pero non é preciso esperar á apertura da tenda física, xa que a marca chinesa xa conta con presenza oficial na web e tamén confirmaron que contarán co apoio do teleoperador Three e ofrecerán os seus produtos a través Amazon, Carphone Warehouse, Argos, John Lewis & Partners, Currys PC World, Very, GoMobile e Mobile Phones Direct, o que supón unha grande presencia comercial da marca no territorio británico.
A chegada ao Reino Unido podería ser chave na estratexia internacional de Xiaomi, pois supón introducirse nun mercado cunha cultura moi diferente á súa, e de ter unha boa acollida a experiencia podería contribuír a potenciar a súa presenza nos EE.UU., mercado no que aínda non venden os seus smartphones de xeito oficial.

Vídeo coa presentación oficial de Xiaomi en Reino Unido

PUBLICIDADE