Xiaomi Hongmi 1S, o novo smartphone de gama media a prezo de gama baixa

venres, 14 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O pasado verán o fabricante chinés Xiaomi sorprendeu anunciando o seu primeiro móbil Hongmi (ou Red Rice), que destacaba por gozar dunhas prestacións bastante aceptables a un prezo de só 799 iuans (que serían uns 96 euros ao cambio), e agora engaden á súa páxina web o que parece ser unha revisión deste terminal, Xiaomi Hongmi 1S, que mantendo o axustado prezo destaca por incorporar dobre SIM e por deixar de lado un procesador MediaTek e adoptar un Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,6 GHz (que incluso sería superior ao do Moto G, terminal que practicamente dobra o prezo do de Xiaomi).
O Hongmi 1S conta tamén con 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720, cámaras de 8 e 1,6 Mpíxeles con gravación de vídeo a 1.080p e 720p respectivamente, Bluetooth 4.0 LE, batería de 2.000 mAh e sistema operativo Android 4.3 coa capa gráfica MIUI v5. Polo momento só estará dispoñible no seu modelo para o mercado chinés a partir do vindeiro día 20, pero é de agardar que en poucos meses conte cunha versión internacional, estreitando aínda máis o prezo do que serán os smartphones de baixa gama (entre os que non pode considerarse que estea este dispositivo).

O Xiaomi Hongmi 1S funciona con MIUI v5 (Android 4.3)

PUBLICIDADE